Confederación Nacional del Trabajo
Sindicato anarquista español fundado en Barcelona en 1910, representante en España da Asociación Internacional de Traballadores (AIT). Organizado en seccións sectoriais nas que a adopción de decisións se realiza de xeito asembleario, rexeita participar nos órganos de representación dos traballadores (comités de empresa) e, xa que logo, renuncia a beneficiarse do sistema de finaciamento a través das empresas e do Estado. Territorialmente, articúlase en confederacións rexionais que non se corresponden exactamente coa organización autonómica do Estado. Ademais, conta cunha confederación rexional do exterior, xurdida no exilio sufrido polos cenetistas que fuxiron do país ao remate da Guerra Civil.
Fundación da CNT
A chegada dende Francia das ideas sindicalistas da Confederation Générale des Travailleurs (CGT), permitiu aos anarquistas saír da paralización orixinada polos actos de terrorismo que caracterizaron a súa actividade a finais do s XIX. En 1907 creouse a Solidaridad Obrera barcelonesa. En Galicia, o sindicalismo revolucionario galo divulgouno un colaborador da prensa libertaria, o carpinteiro coruñés Xosé Suárez Duque, daquela exiliado en Francia. A Federación Local Obrera da Coruña (1871), integrada por máis de 20 sociedades e 4.000 afiliados a finais da primeira década do s XX, adoptou as tácticas empregadas dende 1894 pola CGT. A organización barcelonesa transformouse en 1908 en catalana, ao mesmo tempo que xurdían experiencias similares en Extremadura e València. Estas, xunto coas federacións locais de Cádiz, Zaragoza, Gijón e Granada, solicitaron a Solidaridad Obrera a convocatoria dun congreso, celebrado a finais de outubro de 1910 en Barcelona, no que se constituíu a Confederación Nacional del Trabajo (CNT). Á xuntanza de Barcelona acudiron dez sociedades coruñesas, dúas viguesas e unha compostelá; destacou a intervención dun delegado vigués, o carpinteiro Luís Plaza, integrante da comisión que ditaminou o regulamento provisional da central. No seguinte Congreso, celebrado en 1911, a CNT convocou unha folga xeral; a resposta do goberno foi a ilegalización do sindicato ata 1914. Na nova etapa a Confederación mudou a súa actitude con respecto á Unión General de Trabajadores, sindicato socialista fundado en 1888. En 1916 estableceu relacións con este sindicato e convocaron conxuntamente a folga xeral de 1917. Os vínculos entre ambas as organizacións estreitáronse ata o punto de que no II Congreso da CNT (1919) se debatiu a unificación. Daquela aprobouse a vinculación provisional da CNT á III Internacional. Non obstante , á volta dunha visita á Unión Soviética en 1922, o cenetista Ángel Pestaña presentou un informe contrario á incorporación, feito que significou o definitivo abandono desas intencións. A partir de entón, o sindicato anarquista experimentou un gran pulo favorecido pola crise da industria catalá como consecuencia do remate da Primeira Guerra Mundial. Milleiros de obreiros afiliáronse á organización. A conflitividade laboral dexenerou en violencia desmesurada e dela xurdiu o pistoleirismo, practicado tanto polos sindicalistas como polos patróns, especialmente en Barcelona. En 1923, Miguel Primo de Rivera declarouna ilegal, pero a CNT proseguiu as súas actividades de proselitismo na clandestinidade, aínda que desestruturada e dividida internamente a causa das presións da á radical da Federación Anarquista Ibérica (FAI).
A actividade cenetista na Segunda República
A fuxida do Rei Afonso XIII do país propiciou a proclamación da Segunda República o 14 de abril de 1931. Os primeiros momentos do réxime republicano estiveron presididos por un ambiente de euforia nos movementos da esquerda. A esta corrente non foi allea a CNT, que observou un espectacular incremento no seu número de afiliados e chegou a 1.200.000 militantes. En 1931 celebrouse un Congreso extraordinario en Madrid no que se organizaron as federacións nacionais de industria, planteouse a reivindicación dunha reforma agraria e, nun plano máis político que sindical, debateuse a aceptación das Cortes republicanas: os partidarios do seu recoñecemento alegaban que estas eran froito da acción revolucionaria popular, mentres que os contrarios á súa aprobación calificaron esta postura de colaboracionista coa clase burguesa, ademais de supoñer unha traizón manifesta á esencia da doutrina ácrata, basicamente apolítica. Finalmente, impuxéronse as teses dos primeiros como consecuencia dunha grave crise interna. Como resposta publicouse un manifesto asinado por trinta líderes da Confederación (entre eles Pestaña, López, Joan Peiró, José Moix i Clará) no que se defendía o protagonismo revolucionario “do pobo en masa, da clase traballadora”. A FAI e os dirixentes más radicais (Federica Montseny, Aláiz, Buenaventura Durruti e Joan García Oliver entre outros) reaccionaron ante esta disidencia excluíndo os asinantes do manifesto da dirección da CNT. A división interna fíxose patente na descoordinación das accións cenetistas nas distintas rexións. En Andalucía levouse a cabo a revolución social inmediata; a represión gobernamental (Casas Viejas) motivou que a CNT preconizase a abstención nas eleccións de 1933. En Asturias, os cenetistas asinaron o pacto de Alianza Obrera coa UGT e protagonizaron a Revolución de Outubro (1934). Como consecuencia do procesamento dos sublevados formouse a coalición da Frente Popular, que contou co respaldo da CNT, feito que contribuíu decisivamente ao triunfo electoral das esquerdas.
A Guerra Civil
Despois do triunfo da Frente Popular nas eleccións de febreiro de 1936 o país caeu nunha nova efervescencia revolucionaria. Ao ver os seus intereses e valores seriamente ameazados, as clases burguesas e a dereita sociolóxica comezaron a manifestar a súa inquietude. O 17 de xullo de 1918 as guarnicións militares do norte de África alzáronse contra o goberno legalmente constituído. A polarización social en dous grandes bloques que propiciara a estratexia frontepopulista favoreceu o pronunciamento, que conseguiu controlar moitas capitais. Non obstante , a resposta obreira permitiu que nas principais cidades do país (Madrid, Barcelona, Bilbao ou València, entre outras) o golpe non triunfase, feito que significou o principio dunha guerra civil. A excepcionalidade dos acontecementos provocou que a CNT, en contra das súas ideas apolíticas e antiestatalistas, participase no goberno republicano e no da Generalitat de Catalunya. Deste xeito, por primeira vez na historia de España accedeu unha muller a ocupar unha carteira ministerial: foi Federica Montseny Mañé, ministra de Sanidade entre 1936 e 1937. Os milicianos cenetistas destacaron por levar o peso da resistencia nas frontes de Catalunya e Aragón. Non obstante , nas áreas que controlaron, en vez de respectar a legalidade republicana puxeron en marcha a revolución social e realizaron colectivizacións agrarias. Esta actitude provocou enfrontamentos co goberno da República e cos comunistas. A dialéctica estableceuse entre os partidarios de priorizar a vitoria do réxime republicano e os dispostos a aproveitar a conxuntura para desenvolver a súa revolución social (os anarquistas). Para poder gañar a guerra era preciso acadar o máximo grao de coordinación entre as forzas antifranquistas, pero o receo mutuo que se profesaban anarquistas e comunistas fixo imposible o entendemento entre eles e, finalmente, contribuíu á súa derrota.
A CNT durante o franquismo
A derrota republicana no conflito significou a morte ou o exilio para moitos dos militantes cenetistas, aínda que a organización continuou na loita armada guerrilleira ata 1948. Nesa data xurdiron diverxencias no seo da Confederación que a debilitaron ata que perdeu toda a súa influencia na poboación. A súa revitalización (1961) e posterior consolidación ao longo das décadas dos sesenta e setenta, foi posible grazas á penetración das ideas anarcosindicalistas nas organizacións obreiras católicas, como a Hermandad Obrera de Acción Católica (HOAC) ou a Juventud Obrera Católica (JOC).
O restablecemento da CNT
Despois da morte do xeneral Franco (20.11.1975) e a coroación de Xoán Carlos I inaugurouse un proceso de reforma política que permitiu o rexurdimento da CNT como central sindical. Legalizada en 1977 xunto co resto dos sindicatos, postulou o comunismo libertario e o sindicalismo revolucionario. Manifestou a súa oposición ao réxime de democracia orgánica que xurdira do alzamento nacional pero sen participar nin manifestar o seu apoio explícito ás diversas organizacións e plataformas defensoras da instauración dun réxime democrático liberal. Depois da aprobación da Constitución de 1978 seguiu a traballar no eido sindical, aínda que a súa capacidade de incidencia na vida sociopolítica española non acadou os niveis que tivera antes da Guerra Civil. En 1989 sufriu unha profunda crise interna que a dividiu en dous sindicatos distintos: CNT-AIT e Confederación General del Trabajo (CGT). Despois dun dilatado proceso, a CNT conseguiu recuperar parte dos bens inmobles sindicais que se confiscaran trala guerra e pertenceran á organización sindical do Movimiento Nacional. Pola contra, decidiu manter unha estrutura asemblearia e renunciar ao sistema de financiamento estatal.
A actividade cenetista en Galicia
En marzo de 1911 creouse Solidaridad Obrera de Galicia, a imaxe da homónima catalana. Ao I Congreso da CNT, celebrado no Palacio de Bellas Artes de Barcelona en setembro de 1911, asistiron representantes coruñeses, vigueses e ferroláns. A ilegalización da CNT unha vez rematado o Congreso, provocou que ata a Primeira Guerra Mundial tan só o obreirismo coruñés se vinculase ás tácticas do sindicalismo revolucionario. En 1915, en plena contenda, a convocatoria do Congreso Internacional da Paz polo Ateneo Sindicalista Obrero de Ferrol, tivo como principal consecuencia o acordo de reorganizar a CNT. Os procesos revolucionarios ruso e alemán, a descomposición do réxime da Restauración e o significativo desenvolvemento dos sectores industrial e de servicios en Galicia, favoreceron a extensión do anarcosindicalismo, que tivo a súa máxima expresión na folga revolucionaria de agosto de 1917. No labor propagandístico e organizativo destacaron, entre outros, o tipógrafo Xoán Non, o camareiro Ricardo García Lago e o estibador Xesús Arenas. No II Congreso da CNT, celebrado en decembro de 1919, os case que 11.000 traballadores galegos representados, pertencían a sociedades coruñesas, santiaguesas, ferrolás e doutras vilas das respectivas comarcas. No albor dos anos 20, a violencia que acompañou a extrema conflitividade dos traballadores do porto coruñés, non dexenerou como en Catalunya na aparición do pistoleirismo e na xeneralización do atentado. A CNT galega continuou a actuar na legalidade e espallou a súa influencia polas Rías Baixas, onde destacou o labor do carpinteiro de orixe compostelá instalado en Vigo, Xosé Villaverde. As vilas de Tui, Vilagarcía e A Guarda, así como os traballadores do mar da cidade de Vigo, contaron con potentes sindicatos cenetistas que posibilitaron a creación da Confederación Regional Galaica de la CNT no verán de 1922.