Conferencia das Nacións Unidas para o Medio Ambiente e o Desenvolvemento
Conferencia internacional, coñecida como Cumio da Terra, realizada en Rio de Janeiro en xuño de 1992 co obxectivo de atopar un equilibrio entre o crecemento económico e demográfico e o respecto ao medio ambiente. Entre outros acordos, aprobouse a convención sobre a diversidade biolóxica (biodiversidade), que entrou en vigor en 1994 e que insta aos estados a preservar as áreas e as especies con interese ecolóxico, e a convención sobre o cambio climático, para o que os estados deben reducir a emisión de dióxido de carbono, entre outros gases, para non provocar cambios climáticos na Terra (obxectivos fixados para o ano 2000). Firmáronse tamén as normas do Programa 21, a Declaración de Rio sobre Medio Ambiente e Desenvolvemento, onde se definen os dereitos e responsabilidades das nacións para o progreso da humanidade, e unha Declaración de Principios. Tamén se estableceron uns períodos extraordinarios de sesións, para os anos 1997 (Cumio da Terra +5) e 2002 (Cumio da Terra +10), para avaliar cómo responderon ás necesidades expostas os países, as organizacións internacionais e a sociedade civil.