conflito

conflito

(< lat conflictu)

    1. s m

      Estado prolongado de oposición ou contenda entre persoas ou cousas.

      Ex: Estableceuse entrambos os dous un conflito de intereses. Recruou o conflito bélico árabe-israelí.

    2. s m [PSIC]

      Situación dada por unha discordancia entre as tendencias e os intereses ou imposicións externas. Distínguense tres tipos: apetencia-apetencia, aversión-aversión e apetencia-aversión. No último caso, o mesmo obxecto ten á vez dúas pulsións de sentido contrario. Hai unha serie de mecanismos psicolóxicos para resolver os conflitos: sublimación, represión, desprazamento, etc; cando estes fallan, prodúcese a neurose.

    3. s m [LIT]

      Tensión ou oposición da acción narrativa que xorde do enfrontamento de personaxes (protagonista/antagonista) ou grupos sociais, e que dificulta a consecución dos obxectivos perseguidos no curso dunha acción. Ás veces, xérase pola tensión interna do protagonista, que se debate entre o cumprimento do deber e os seus propios desexos ou sentimentos, e adopta a forma de monólogo. A súa orixe pode estar nunha rivalidade amorosa, económica ou política; no choque entre dúas concepcións do mundo, entre dous tipos de moral irreconciliables; na loita moral; na confrontación entre o individuo e a sociedade; ou no combate moral ou metafísico do home cun principio ou desexo, como a figura de Deus ou a superación persoal. Segundo a preceptiva clásica, o conflito debe resolverse feliz ou traxicamente no momento do desenlace ou catástrofe. Finalmente, o seu resultado pode ser cómico e conciliatorio ou tráxico, se ningunha das partes presentes pode ceder na súa postura sen desacreditarse.

    4. conflicto cognoscitivo / [PSIC/PEDAG]

      Situación que se produce no proceso de adquisición de novos coñecementos, se os coñecementos previos do alumno entran en contradición coas novas informacións que se quere integrar na súa estrutura cognoscitiva. Este estado de contradición cognoscitiva xera un desequilibrio que debe servir para modificar os esquemas de coñecemento do alumno e enriquecelos a través da precisión, a ampliación ou o afondamento.

    5. conflicto colectivo de traballo [DER]

      Alteración nas relacións de traballo, que se caracteriza porque os efectos derivados da solución acadada esténdense a persoas que non actuaron como partes na solución do conflito. O conflito pode ser xurídico, cando o obxecto da pretensión consiste na demanda do cumprimento ou aplicación dunha norma xa existente, ou de regulamentación, cando as diferencias entre as partes xorden por solicitar un cambio substancial nas condicións de traballo.

    6. conflicto de competencia [DER]

      Controversia orixinada cando dous entes pertencentes ás ordes civil, penal, contencioso-administrativa ou social, e dotados de personalidade xurídica, se consideran competentes nun asunto (conflito positivo) ou declinan as súas atribucións na materia (conflito negativo).

    7. conflicto de dispositivos [INFORM]

      Situación na que varios programas de ordenador que se executan á vez, tentan usar un idéntico dispositivo (como un módem ou unha impresora) ao mesmo tempo. Os sistemas que operan en multitarefa manexan este conflito de varias formas diferentes: poñendo en cola de impresión a saída das impresoras ata que estea dispoñible o dispositivo solicitado ou denegando sinxelamente o acceso a un dispositivo que xa está en uso.

    8. conflicto de leis [DER]

      Controversia orixinada pola concorrencia de dúas ou máis normas xurídicas na regulación dun feito concreto.

    9. conflicto de obras públicas [DER]

      Conflito orixinado entre órganos pertencentes a unha mesma administración pública, non relacionados entre si xerarquicamente, sobre feitos sobre os que non finalizara en prazo un procedemento administrativo. Poden ser positivos ou negativos, segundo os órganos se consideren igualmente competentes ou incompetentes.

    10. conflicto de traballo [DER]

      Situación producida como consecuencia da alteración provocada no desenvolvemento ou na extinción dunha relación laboral. O conflito pode ser individual ou colectivo, se afecta a un número representativo dos traballadores suxeitos a un mesmo convenio.

    11. conflicto de xurisdicción [DER]

      Conflito entre os xulgados e tribunais e a Administración e, á vez, o que se pode formular entre os xulgados e tribunais da orde xurisdicional ordinaria e os órganos xurisdicionais militares.

    12. conflicto homonímico [LING]

      Coincidencia e oposición de dúas palabras, como resultado de ambigüidades contextuais. A evolución fonética e semántica dá lugar a formas nas que o seu sentido é susceptible de confusión; daquela, a lingua ten tendencia a conceder prioridade a unha delas. Este fenómeno dáse sobre todo nas linguas románicas, e é relativamente frecuente en inglés e menos en alemán.

    13. conflicto lingüístico [LING]

      Situación de desequilibrio que se produce entre dous grupos lingüísticos cando entran en contacto. As situacións de bilingüismo social son moi frecuentes nas sociedades actuais e constitúen o obxecto de estudo de diversas disciplinas relacionadas coas ciencias sociais. Cando dous ou máis grupos lingüísticos diferenciados entran en contacto, poden suscitarse varias interpretacións sobre as consecuencias desa situación. Fronte á unha visión consensualista e relativamente estable ou estática do contacto de linguas, que é a que ofrece o modelo de diglosia, o conflito lingüístico parte da consideración de que os grupos lingüísticos constitúen comunidades con intereses antagónicos nos que as respectivas linguas adoitan verse como variedades en competición. Segundo o modelo do conflito lingüístico, concepto elaborado e inicialmente difundido desde a sociolingüística catalana, o contacto de linguas sempre implica unha situación de desequilibrio na que un dos grupos lingüísticos é dominante e o outro, ou outros, están dominados ou oprimidos. Por tratarse dunha situación dinámica, non determinista nin irreversible, senón máis ben explicable atendendo a condicionamentos sociais, nas situacións conflitivas caben varias posibles solucións que van desde a desaparición por substitución da lingua dominada á superación da situación de desaxuste mediante un proceso de recuperación do status, do capital simbólico e do valor comunicativo da lingua dominada. As situacións de conflito lingüístico non deben analizarse só en termos negativos, como un intento de superar as tensións que delas se derivan, senón que polo contrario as tensións poden ser o inicio de necesarias transformacións sociolingüísticas. Esta noción foi froito de diversas revisións, e segue a manterse como un instrumento analítico plenamente vixente en certas situacións de plurilingüismo social.

    14. conflicto social / [SOCIOL/EDUC]

      Elemento fundamental da vida que ten lugar no ámbito social e que reflicte unha peculiar forma de relación manifestada de formas diferentes, aínda que case sempre normalizadas: enfrontamentos, tensións, oposicións ou loitas entre persoas, grupos, organizacións ou estados. Os conflitos, sexan do tipo que sexan, intentan sempre impoñer uns intereses sobre outros coa idea de supremacía; de aí a estreita relación que existe entre conflito e dominio. As súas causas hai que situalas en planos distintos, porque en principio resulta evidente que a súa idea leva emparellada un certo impulso, parece que innato, de agresividade. Por outra parte, está a presenza do condicionamento social que se agacha en todos os conflitos. Este condicionamento ten a súa orixe no pluralismo de valores e normas, en intereses distintos de orde política e económica, na escaseza de bens sociais distribuíbles ou na existencia de dominios entendidos como formas de poder. Os modelos de resolución de conflitos teñen en común o suposto de que todos eles son inevitables en réxime de convivencia social -aínda que socialmente existen excepcións-. A súa superación non reside, sen embargo, na simple solución temporal, senón na institucionalización ou na creación de canles de goberno. Neste sentido, resultan totalmente controvertidas as distintas concepcións que se fan das funcións sociais deses conflitos, de maneira que, por exemplo, o cambio e o progreso social se entenden, desde algúns paradigmas teóricos, como resultado dun conflito existente entre intereses opostos. Por outra parte, moitas veces alúdese ao seu efecto integrador e mesmo estabilizador con respecto ao statu quo social. Nas sociedades pluralistas arguméntase que a discusión suscitada permanentemente arredor de múltiples conflitos impide un enfrontamento real sobre os verdadeiros valores e fins sociais. Na actualidade gaña protagonismo, cada vez con máis forza, un aspecto educativo que medra desde os parámetros do que se vén denominando educación para o conflito, con dous paradigmas enfrontados que van desde a necesidade de acadar en calquera caso a integración social, ata a crítica desde a teoría mesma do conflito. Diante da idea de entendemento como base da convivencia e a realidade social, a educación para o conflito, definida como área interdisciplinar na que xogan papeis de importancia outras, pode poñer de manifesto microestruturas relacionais de orde pedagóxica que se deben entender en conexión e non como desencadeantes das contradicións de intereses que teñen a súa orixe na macroestrutura social. Como unha aplicación práctica de orde didáctica, poden atribuírselle funcións ben diversas: elevación do nivel de motivación para a aprendizaxe, efectos evidentes sobre a atención ou complemento para o desenvolvemento da personalidade, entre outras.

  1. s m

    Situación problemática e de difícil solución.

    Ex: Atopouse cun grave conflito cando chegaron máis convidados á voda dos esperados.

Palabras veciñas

Conflent, O | conflitividade | conflitivo -va | conflito | confluencia | confluente | confluír