Congostra
Publicación en galego que apareceu no verán de 1988 en Vigo co subtítulo “Revista de Ciencia, Arte e Pensamento”. Este proxecto xurdiu como iniciativa da Asociación Cultural Zeca Afonso e estaba dirixido por Xoán M. Estévez. Trátase dunha revista que dá cabida a temas culturais, -inclúe poesía, novas creacións literarias, ensaios ou música-, temas políticos, industriais e do medio ambiente. Contiña tamén entrevistas e textos perdidos de autores galegos. Nas páxinas centrais inseriu un suplemento titulado “Templo de poesía”. Amosou o seu interese pola cultura en Portugal en diversos artigos e na sección “Livros de PORTUGAL na GALIZA”, no que informaba sobre as novidades editoriais. Neste proxecto colaboraron Antonio Chaves, Carlos Vila, Carolina Domínguez, Celia Durán, X. L. Méndez, M. Anxo Murado, A. Uxío Mallo, Pilar Allegue, Antón Reixa e Xela Arias. Os seus debuxos son obra de Luís Seoane e as historietas gráficas de Tokio.