Congreso dos EE UU

Congreso dos EE UU

Órgano lexislativo estadounidense creado pola Constitución de 1787 e que sucedeu o Congreso Continental. A súa sede está no Capitolio de Washington. Formado pola Cámara dos Representantes e polo Senado, entre as súas funcións figuran as de cuñar moeda, ordenar o comercio, declarar a guerra e organizar o exército. As dúas cámaras articúlanse en comisións permanentes e subcomisións. A Cámara de Representantes está composta por 453 membros elixidos cada dous anos mediante sufraxio universal. O número de representantes de cada estado é proporcional á súa poboación, aínda que cada un deles ten un representante como mínimo. O xefe do partido que ten a maioría é o seu presidente (ou speaker). O Senado está composto por 100 membros elixidos ata 1913 polos estados e, dende esa data, por sufraxio universal. Escóllense dous senadores por estado por un período de seis anos e cada dous anos renóvase un terzo da súa composición. Entre as funcións propias do Senado están a destitución de funcionarios mediante a acusación (ou impeachment) que presenta a cámara de representantes; no caso de ser acusado o presidente dos EE UU, o Senado presídeo o xuíz que dirixe a Corte Suprema. O Senado pode tamén conceder consello e consentimento (ou advice and consent) para o concerto de tratados internacionais e nomear embaixadores, xuíces da Corte Suprema e outros funcionarios. Conta cunha biblioteca fundada en 1800 con máis de 28 millóns de libros e folletos, ademais de xornais, fotografías, estampas e debuxos, entre outras publicacións.