Conimbriga

Conimbriga

Antiga cidade da Lusitania situada a 17 Km ao S de Coimbra e poboada dende a Idade do Bronce. Os primeiros contactos cos romanos producíronse na segunda metade do s II a C, durante as campañas de pacificación de Décimo Xunio Bruto, e intensificáronse durante o seguinte século baixo o dominio de Augusto. Nesta época, construíuse o acueduto, o foro -cun templo adxacente-, os baños públicos, as casas e os mercados. Durante o goberno de Vespasiano (69-79 d C), cando a cidade recibiu a designación de Flavia e elevouse á dignidade de municipio, iniciouse unha etapa de intensa actividade e prosperidade que se mantivo ata a decadencia do Imperio Romano no s III. Sufriu as invasións bárbaras e foi destruída polos suevos no 468 d C; dende aquela, entrou nun período de decadencia que culminou co traslado, a mediados do s VI d C, da sé episcopal a Aeminium (Coimbra). Conserva un conxunto de ruínas que a converten nun dos principais centros de arqueoloxía romana en Portugal.