Consejo Comarcal del Bierzo
Institución de goberno e administración da comarca do Bierzo establecida na Lei 1/1991, do 14 de marzo, aprobada polas Cortes de Castela e León (BOCYL do 20 de marzo de 1991), que recoñece no Bierzo a concorrencia dunhas peculiaridades xeográficas, históricas, sociais, culturais e económicas que o singularizan respecto a calquera outro territorio da comunidade autónoma. De acordo con esta Lei, O Bierzo é unha entidade local formada pola agrupación dos municipios de Arganza, Balboa, Barjas, Bembibre, Benuza, Berlanga, Borrenes, Cabañas Raras, Cacabelos, Camponaraya, Candín, Carracedelo, Carucedo, Castropodame, Congosto, Corullón, Cubillos, Fabero, Folgoso, Igüeña, Molinaseca, Noceda, Oencia, Páramo, Peranzanes, Ponferrada, Priaranza, Puente de Domingo Flórez, Sancedo, Sobrado, Toreno, Torre del Bierzo, Trabadelo, Vega de Espinareda, Vega de Valcarce, Villadecanes e Villafranca del Bierzo. Componse de tres órganos: o Pleno (integrado por 47 membros representantes dos 37 municipios, en función do seu número de habitantes), o Presidente e a Comisión de Goberno. Pode exercer as competencias que lle atribúan as leis reguladoras das seguintes áreas: ordenación do territorio e urbanismo, sanidade, servicios sociais, cultura e deporte, salubridade pública e medio ambiente, turismo e tradicións populares, artesanía, agricultura, gandería e montes, minería, feiras e mercados comarcais e, por último, enerxía e promoción industrial. Ademais, sen prexuízo das competencias que nese aspecto lle correspondan á Diputación Provincial de León, a Lei tamén recolle a posibilidade de que se creen servicios de cooperación e asistencia municipais, encargados do asesoramento e asistencia técnica, xurídica e económica aos municipios que o soliciten e que estean incluídos no seu ámbito territorial. Tamén se contempla a posibilidade de que a comarca do Bierzo asuma por delegación ou transferencia, funcións baixo a titularidade da comunidade autónoma, da deputación provincial ou das corporacións locais.