Consejo de Universidades

Consejo de Universidades

Órgano de ámbito estatal ao que lle corresponden funcións de ordenación, planificación, proposta e asesoramento en materia de educación superior. Está composto polo presidente, que coincide co ministro encargado da educación superior, polos conselleiros responsables do ensino universitario das comunidades autónomas, polos rectores de todas as universidades públicas e quince membros, designados, a partes iguais, polo Congreso de los Diputados, polo Senado e polo goberno. Entre as súas competencias, figuran a de informar sobre a creación e supresión das universidades; sobre a creación de facultades, escolas técnicas superiores e escolas universitarias; sobre o número de centros e as esixencias materiais e de persoal mínimas que debe reunir cada universidade; sobre as condicións de homologación dos títulos estranxeiros; e determinar os criterios xerais de validación de estudios cursados en centros académicos españois ou estranxeiros universitarios; e as áreas de coñecemento específicas das escolas universitarias. Está regulado pola Lei de Reforma Universitaria, Lei Orgánica 11/1983, do 25 de agosto, Real Decreto 552/1985 do 2 de abril do Regulamento do Consejo de Universidades e o Real Decreto 1212/1985, do 17 de xullo, da secretaría xeral do Consejo de Universidades.