Consello da Mocedade
Organización xurdida a principios de 1964 coa pretensión de interpretar a tradición galeguista baixo unha óptica marxista, segundo a doutrina da liberación nacional dos pobos e os exemplos contemporáneos das loitas de descolonización. A súa xénese foi asemblearia, a partir de xuntanzas celebradas en varias cidades, na denominada operación Paloma Mensajera. O movemento contou coa participación de elementos de procedencia política moi diversa, dende democristiáns, nacionalistas e socialdemócratas ata militantes comunistas. O seu primeiro secretario xeral foi Antón Moreda. Aos poucos meses da súa fundación, nunha xuntanza celebrada en Santiago de Compostela, a organización decidiu expulsar os elementos cualificados como comunistas, entre eles o seu propio secretario xeral e diversas personalidades como Xosé Luís Méndez Ferrín, Bautista Álvarez ou Manuel María. A partir de entón, entrou nun período de decadencia que o levou á súa desintegración nese mesmo ano, ao mesmo tempo que xurdiron ou se consolidaron outras organizacións con obxectivos semellantes, como a UPG ou o PSG.