Consello da Xunta
Órgano colexiado que, baixo a dirección do presidente autonómico, dirixe a política xeral e a administración da Comunidade Autónoma de Galicia. Exerce a función executiva e a potestade regulamentaria de conformidade co Estatuto de Autonomía de Galicia e coas leis, e ten iniciativa lexislativa.
Composición
O Consello está constituído polo presidente da Xunta, o vicepresidente ou vicepresidentes segundo os casos, e os conselleiros, que son nomeados e cesados polo presidente da Xunta. Responde politicamente ante o Parlamento de xeito solidario, sen prexuízo da responsabilidade directa de cada un dos seus membros pola súa xestión.
Atribucións
O Consello da Xunta exerce as atribucións da Xunta sen prexuízo das competencias das comisións delegadas. En consecuencia, correspóndelle establecer as directrices e desenvolver o programa de goberno; elaborar os orzamentos da Comunidade e remitilos para a súa aprobación ao Parlamento; aprobar os proxectos de lei para a súa remisión ao Parlamento; ditar decretos lexislativos cando así o ordene a propia cámara; outorgar ou denegar a súa conformidade á tramitación de proposicións de lei que supoñan aumento dos créditos ou diminución dos ingresos orzamentarios; aprobar os regulamentos para o desenvolvemento e execución das leis en Galicia, así como os das leis do Estado ou dos tratados ou convenios internacionais cando teña recoñecida esa competencia; aprobar e remitir ao Parlamento os proxectos de convenios ou acordos de cooperación con outras comunidades; acordar a interposición de recursos de inconstitucionalidade e promover conflitos de competencias ante o Tribunal Constitucional; deliberar sobre a cuestión de confianza que o presidente da Xunta propoña ao Parlamento, así como sobre a disolución da cámara galega que o presidente da Xunta pode decretar; resolver os recursos en vía administrativa nos casos previstos polas leis; resolver mediante decreto os conflitos de atribucións que se susciten entre as diversas consellerías; nomear e cesar, a proposta dos conselleiros respectivos, a altos cargos da Administración galega; crear, modificar e suprimir as comisións delegadas da Xunta; determinar a estrutura orgánica superior do goberno galego; designar os representantes da Comunidade Autónoma nos organismos económicos, institucións financeiras e empresas públicas do Estado que así o contemplen, así como supervisar a xestión dos servicios públicos e empresas públicas dependentes da Comunidade e administrar o patrimonio da mesma; coordinar a actividade das deputacións provinciais; tomar coñecemento das resolucións do Parlamento e adoptar, no seu caso, as medidas que procedan; e deliberar sobre aqueles asuntos que deban ser dirimidos por decreto.
Cesamento
O Consello da Xunta cesa trala celebración de eleccións ao Parlamento de Galicia, nos casos de perda de confianza parlamentaria e por dimisión ou falecemento do seu presidente; sen embargo, mantén as súas funcións ata a toma de posesión do novo Consello.