Consello de Asistencia Económica Mutua
Organismo de cooperación económica creado en 1949 polo Tratado de Moscova e integrado por Albania (que o abandonou en 1961), Bulgaria, Hungría, Polonia, Romanía, Checoslovaquia e a URSS. Posteriormente, adheríronse a RDA (1959), Mongolia (1962), Cuba e Vietnam (1972). Iugoslavia posuía o estatuto de membro asociado desde 1964. A súa finalidade era intercambiar experiencias económicas, conseguir axuda técnica e proporcionar asistencia mutua entre os seus membros para crear un espazo económico autónomo fronte á economía dos países occidentais. Nun principio limitouse a favorecer o comercio bilateral; despois de 1955 comezou a promocionar a especialización económica dos seus membros. A partir de 1960 iniciáronse as discusións sobre o problema da especialización por estados e o establecemento dun órgano de planificación común a todos. En 1963 tentouse de novo instituír un sistema multilateral no que as compensacións se farían a través do Banco Internacional de Cooperación Económica. As transformacións no bloque comunista tiveron como consecuencia a súa disolución en 1991.