Consello de Europa
Organismo internacional creado en 1949, con sede en Estrasburgo, para fomentar o progreso social e económico e a realización dos ideais e principios dunha Europa unida. Tamén se ocupa da defensa e do desenvolvemento dos dereitos do home e das liberdades fundamentais. Foron membros fundadores Bélxica, Dinamarca, Francia, Reino Unido, Irlanda, Italia, Luxemburgo, Holanda, Noruega e Suecia. Posteriormente, integráronse Grecia e Turquía (1949), Islandia (1950), a República Federal Alemana (1951; en 1990 incluíuse tamén a antiga República Democrática Alemana), Austria (1956), Chipre (1961), Suíza (1963), Malta (1965), Portugal (1976), España (1977), Liechtenstein (1978), San Marino (1988) e Finlandia (1989). Trala caída do pano de aceiro e o derrubamento da URSS, ingresaron Hungría (1990), Polonia (1991), Bulgaria (1992), Estonia, Lituania, Eslovenia, Eslovaquia, a República Checa e Romanía (1993), Letonia, Albania, Moldavia, Macedonia e Ucraína (1995), Rusia e Croacia (1996) e Xeorxia (1999). Andorra ingresou en 1994. Os seus órganos principais son o Comité de Ministros, composto polos ministros de Asuntos Exteriores dos países membros, a Asemblea Parlamentaria e a Secretaría Xeral. As súas linguas oficiais son o francés e o inglés, aínda que o alemán e o italiano tamén se utilizan como linguas de traballo na Asemblea Parlamentaria. Un dos seus maiores logros foi a firma da Convención Europea dos Dereitos Humanos (1950), aínda que tamén destacan os acordos relacionados coa educación e a cultura.