Consello dos Dez

Consello dos Dez

Órgano administrativo da República de Venecia instituído en 1310, tralo fracaso da conspiración tramada polas familias aristocráticas dos Querini e dos Tiepolo. Encargouse de executar as sentencias contra os participantes na conxura. Estaba presidido polo dux, acompañado por dez membros ordinarios, elixidos polo Gran Consello da Aristocracia por un período dun ano, e por outros seis membros adxuntos. Converteuse nun órgano permanente desde 1355, encargado de localizar e eliminar as diversas formas de oposición; posteriormente, asumiu os poderes executivo, lexislativo e xudicial. Suprimiuse trala ocupación da República polos franceses en 1797.