Consello Económico e Social de Galicia

Consello Económico e Social de Galicia

Organismo da Comunidade Autónoma de Galicia creado pola Lei 6/1995 co obxectivo de facilitar a participación dos axentes sociais e económicos na vida política, económica, social e cultural do país e, principalmente, para ter en conta as súas opinións e propostas nos procesos de adopción de decisións do goberno autonómico. Nel están representados un gran número de organizacións profesionais, entidades e asociacións; intégrano 35 membros, incluídos o seu presidente e o secretario xeral, designados polo presidente da Xunta a proposta dos conselleiros de Economía e Facenda, e Interior e Relacións Laborais. O secretario debe ser un funcionario do grupo A. Os outros 33 membros repártense en tres grupos: os primeiros 11 desígnanos as organizacións de traballadores, segundo os resultados xerais das eleccións sindicais; outros 11 membros representan o empresariado, elixidos pola Confederación de Empresarios de Galicia; por último, outros 11 conselleiros representan a entidades e asociacións: 4 membros do sector agrario, 2 do marítimo-pesqueiro, 2 das asociacións de consumidores e usuarios e 3 das universidades (un de cada). O ditame do consello resulta preceptivo nos anteproxectos de Lei e nos proxectos de decretos que regulan materias socioeconómicas (agás o proxecto de Lei de Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma), nos plans xerais e sectoriais, nas disposicións que lle afecten ao seu propio funcionamento e naquelas materias que preceptúen expresamente as leis. Ademais da súa finalidade consultiva, elabora por iniciativa propia informes e estudios, e participa en mesas sectoriais xunto con representantes da Administración.