Consello Universitario de Galicia
Órgano de ámbito autonómico, creado pola Lei 5/1987, do 27 de maio, e modificado pola Lei 11/1989, do 20 de xullo. As súas funcións son, entre outras: facilitar o intercambio de información e consultas entre as universidades galegas; elaborar programas conxuntos de actuación para solucionar os problemas e as necesidades do sistema universitario de Galicia; emitir o informe sobre as propostas de creación de novas universidades e de creación, modificación ou supresión de centros, titulacións universitarias e institutos de investigación; dar a coñecer os novos plans de estudo impartidos nas universidades galegas; propoñer a organización conxunta de estudios entre as universidades, especialmente no que se refire a terceiros ciclos, estudios de posgrao e titulacións que non teñan carácter oficial no Estado; emitir informes sobre os programas de investimentos no sistema universitario de Galicia feitos directamente pola Comunidade Autónoma galega; garantir a racionalización dos estudios, dos servicios e das actividades universitarias existentes en Galicia; elaborar programas de extensión universitaria, así como de formalización e actualización do profesorado; e asesorar a consellería de Educación. Está integrado por un presidente, que se corresponde co conselleiro de Educación; un vicepresidente, que se corresponde co director xeral de Ensino Universitario e Política Científica ou órgano equivalente, que poderá asumir, por delegación, as funcións do presidente; os vocais, compostos polos rectores de cada unha das universidades galegas; presidente ou presidentes do Consello Social de cada universidade con sede en Galicia; cinco membros designados pola Comisión parlamentaria de Educación e Cultura, tendo en conta a distribución territorial dos centros de Galicia; e o secretario, con voz e sen voto, que se corresponde cun funcionario técnico designado pola consellería de Educación.