conservatorio

conservatorio

(< lat conservatorĭu)

s m [MÚS/ESPECT]

Establecemento oficial destinado a fomentar e aprender diversas artes, como a danza, a declamación, a música e o teatro. No campo musical, a súa orixe vincúlase ás institucións benéficas italianas para orfos (s XV) nas que, ademais de albergar os rapaces, se ofrecía a formación necesaria para a súa integración na sociedade, e da que formaba parte a educación musical, que facilitaba a participación dos alumnos nos cantos da liturxia. En Venecia recibiron o nome de ospedali (‘hospitais’); un dos máis importantes foi o Ospedale della Pietà, onde ensinou Antonio Vivaldi e compuxo gran parte da súa produción (concertos e obras sacras), para que as interpretasen as orfas desta institución. A finais do s XVI e comezos do s XVII, a música era a actividade principal de moitos dos orfanatos de Nápoles e Venecia, pero a finais do s XVIII estes centros experimentaron un declive e moitos deles pecharon. En 1795 fundouse en París o Conservatoire Nationale de Musique, que serviu de modelo a outras institucións europeas e americanas semellantes, fundadas posteriormente, como os conservatorios de Praga (1811), Viena (1817), Londres (Royal Academy of Music, 1822), Leipzig (1843), Berlín (1865), México (1866), Moscova (1866), Boston (1867) e Londres (Royal College of Music, 1883, e Trinity College of Music, 1872). No campo teatral, esta institución naceu a finais do s XVIII para o fomento daquelas artes non incluídas nas Belas Artes, ou artes plásticas, e directamente relacionadas co ensino da música e, en menor medida, coas artes escénicas. Unha das primeiras institucións oficiais creadas foi o Conservatorio Nacional de Arte Dramática, inaugurado en París en 1784, máis coñecido como Escola Real de Canto e Declamación, por ser esa a denominación da escola de formación creada en 1672 ao abeiro do Teatro da Ópera de París. As primeiras propostas para a creación en España de institucións similares, centradas no estudo da arte dramática, formulounas Gaspar Melchor de Jovellanos en 1790 e Leandro Fernández de Moratín en 1792, se ben o Real Conservatorio de Música y Declamación de Madrid comezou a súa irregular andaina en 1831, ano en que se creou no Conservatorio, dedicado en exclusiva á formación musical, unha Escuela Nacional de Declamación, por iniciativa de María Cristina de Nápoles. Pero foi a Lei Moyano de 1857 a que estableceu dunha forma definitiva a regulamentación do ensino artístico e, no seu artigo 137.1., dispoñía que en Madrid existise un Conservatorio de Música y Declamación. En 1911 e 1917, diversos decretos e disposicións regularon con carácter específico o ensino da arte dramática, ata que en 1952 a sección de Declamación do Real Conservatorio pasou a denominarse Real Escuela Superior de Arte Dramático. En Catalunya, o proceso de institucionalización do ensino teatral comezou en 1913 por iniciativa de Adrià Gual, quen, co apoio da Lliga Regionalista, estableceu a Escola Catalana d’Art Dramatic que, unha vez proclamada a Segunda República, se converteu en Institució del Teatre, antecedente do actual Institut del Teatre de Barcelona. O primeiro conservatorio de música de Galicia foi o de Pontevedra, que se creou en febreiro de 1863 con carácter elemental. Despois abriu as súas portas o de Santiago de Compostela, creado en 1877 por iniciativa da Sociedad Económica de Amigos del País e moi posteriormente, en 1942, o Conservatorio Profesional de Música y Declamación da Coruña, que tiña o seu precedente no Conservatorio Regional de Música, entidade que dependía da Sociedad Filarmónica de La Coruña. En ningunha destas institucións, sen embargo, se chegaron a implantar estudios teatrais, se ben no Conservatorio Profesional de Música y Declamación da Coruña, recoñecido oficialmente en 1942, chegou a existir unha sección de declamación que mantivo a súa actividade entre os anos sesenta e finais dos oitenta. Desde 1990, os estudios de arte dramática, que conducen á obtención dun título equivalente ao de licenciado universitario, están regulados pola Lei de Ordenación Xeral do Sistema Educativo (LOXSE) e impártense nas escolas superiores de Arte Dramática, coas que Galicia non conta.