Conservatorio Nazonal de Arte Galego
Agrupación cultural creada na Coruña en 1919 pola Irmandade da Fala desa cidade co obxectivo de fomentar a cultura galega, fundamentalmente nos campos musical e teatral. A sección de declamación dirixiuna inicialmente Fernando Osorio Docampo, formado no Conservatório Superior de Lisboa. Non tardaron en aparecer as discrepancias respecto da orientación artística da compañía, pois existían notables diferencias entre os que defendían unha liña costumista, baseada nas esencias populares da cultura galega, e os que apostaban por unha renovación radical da escena. Constituíu a primeira tentativa de facer un teatro galego profesional e partía da necesidade de acometer a posta en escena de textos clásicos da literatura dramática universal como The merry wives of Windsor (As alegres casadas de Windsor), de William Shakespeare, un espectáculo que sumado a A man de Santiña, presentado en abril de 1919 sobre un texto de Cabanillas, ou a Donosiña, proposta que nacía dun texto de Xaime Quintanilla, permitiría compoñer un repertorio radicalmente diferente ao que presentaban os coros e outras agrupacións folclóricas. Non obstante , Donosiña foi rexeitado e só se produciu a estrea do espectáculo Xan entre elas, a versión galega do texto de Shakespeare, co que a liña marcada naquel primeiro espectáculo a partir do texto de Ramón Cabanillas interrompeuse. Aínda que as Irmandades da Fala, as agrupacións teatrais e os cadros de declamación promovidos por elas impulsaron a representación das máis variadas pezas dramáticas, só un moi reducido grupo de autores, directores e intelectuais souberon destacar a necesidade de dar por finalizada a etapa do realismo costumista, dos monólogos, dos parrafeos, dos xoguetes cómicos, das zarzuelas galegas e apropósitos, para crear e dar a coñecer unha dramática máis universal, feito que supoñía tamén unha fonda transformación da realización e da produción teatral, máis acorde coas tendencias de renovación que agromaban en Europa, esforzos e propostas que non se consolidaron. A finais de 1919, Fernando Osorio abandonou o Conservatorio e a compañía pasou a denominarse Cadro de Declamación da Irmandade, ata que en 1922 Leandro Carré asumiu a súa dirección baixo o nome de Escola Dramática Galega. Con todo, aquela breve andaina e a posta en escena do espectáculo A man de Santiña permitiu marcar un rumbo necesario para o teatro galego da época e, sobre todo, establecer e validar un novo modelo de escritura dramática que permitiu o desenvolvemento de novas orientacións na escrita reflectidas na obra de Xaime Quintanilla, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Antón Villar Ponte, Daniel R. Castelao ou Álvaro de las Casas.