Constantinopla, Santa Sofía de
Igrexa bizantina situada na antiga Constantinopla. A construción primitiva incendiouse durante a revolta suscitada polo exilio de Xoán Crisóstomo. Reconstruída por Teodosio II (415), foi novamente devastada no 532. Nese mesmo ano, Xustiniano comezou a edificar o novo templo dedicado á divina sabedoría. Construído por Antemio de Tralles e Isidoro de Mileto, consagrouse no 537. No 577, a cúpula tivo que refacerse e, tralos terremotos dos ss IX e X, renovouse a igrexa. No 1204 saqueárona os latinos e trala conquista de Istambul polos turcos (1453), converteuse en mesquita. En 1934 transformouse en museo de arte bizantina. Trátase dunha construción de plano central en forma de rectángulo, precedido dun nártex interior e doutro exterior. O interior divídese en catro grandes piares enlazados entre si e co resto do edificio por un conxunto de arcadas e bóvedas. O corpo central cóbrese cunha cúpula de grandes dimensións (65 m de altura e 31 m de diámetro) levantada sobre catro pendentes. O máis novidoso da construción foi o sistema de contrarrestos empregados, un sistema de cúpulas que serve de descanso á cúpula central no que aos lados oriental e occidental se sitúan dúas cúpulas de cuarto de esfera que se apoian, á súa vez, en pequenas ábsidas; os lados setentrional e meridional péchanse por un muro. No exterior, o sistema tradúcese nunha sucesión de cúpulas, mentres que no interior se acada un espazo diáfano; os vans e ocos abertos nos muros, nos nichos e nas cúpulas, e o anel da cúpula central permiten o paso da luz. As paredes decoráronse con mosaicos de diferentes épocas (ss VI-XII), pero moitos deles desapareceron baixo a ornamentación musulmana.