constitución

constitución

(< latconstitutĭŏne)

  1. s f

    Acción de constituír ou constituírse.

    Ex: Chegaron a un acordo sobre a constitución da nova sociedade.

  2. s f
    1. Maneira en que algo está constituído.

      Ex: O avogado protestou pola constitución do tribunal. A molécula ten unha constitución estable.

    2. Maneira en que está formado o corpo dun ser vivo, especialmente do ser humano, dependente do desenvolvemento e funcionamento dos seus órganos.

      Ex: Os dous son de constitución forte.

      Sinónimos: complexión, contextura.
    3. [ANTROP/PSIC]

      Conxunto de características morfolóxicas, fisiolóxicas e psicolóxicas dun individuo, que permiten determinar o tipo no que se inclúe.

      Sinónimos: biotipo.
  3. s f [DER/POLÍT]

    Norma fundamental dun Estado que establece e garante os dereitos e deberes dos cidadáns, e regula a organización do sistema de poderes do Estado. Na teoría constitucional, existen tres modelos de constitución: anglosaxón, que concibe a existencia dun dereito consuetudinario anterior á constitución; francés, que entende a constitución como unha norma programática e enunciadora dos dereitos e deberes dos cidadáns e das liñas mestras da organización do Estado; e kelseniano, que concibe a constitución como unha norma xurídica de aplicación directa e regula a produción de ulteriores normas. Tradicionalmente, as constitucións clasificáronse en escritas, forma adoitada na maioría dos estados, ou non escritas, como o caso da constitución británica; en outorgadas, se o monarca concedía un estatuto ao pobo, ou populares, se o pobo interviña directamente ou por medio de representantes na súa elaboración; en ríxidas ou flexibles, segundo o seu proceso de reforma sexa díficil e extraordinario ou fácil e ordinario; e en normativas, nominais ou semánticas, segundo o seu grao de eficacia no cumprimento da finalidade por controlar o poder político e garantir os dereitos dos cidadáns. Tematicamente, as constitucións distinguen unha parte dogmática, que comprende a definición dos principios xerais referentes á estrutura política e a declaración de dereitos e deberes e do réxime de liberdades; e outra orgánica, que define a composición e o funcionamento dos órganos dos poderes públicos e a repartición de competencias entre eles. Dende a promulgación das primeiras constitucións modernas, a finais do s XVIII, os textos constitucionais tiveron unha evolución significativa. En Inglaterra, o liberalismo medieval impuxo de xeito progresivo a soberanía do Parlamento sobre o monarca e as súas normas, como a Agreement of the people (1649), que pode considerarse un precedente do constitucionalismo mundial polo seu contido limitador do poder real e polo reforzamento da soberanía parlamentaria. A Constitución federal norteamericana, promulgada no Congreso de Philadelphia (1787), foi a primeira Constitución aprobada como pacto entre as forzas constituíntes reunidas en asemblea. A Constitución revolucionaria francesa de 1791 inaugurou toda unha tradición constitucionalista na Europa continental, diferente da británica, posto que consideraba a constitución como a expresión da vontade nacional, reflectía a división de poderes do Estado e garantía os dereitos individuais dos cidadáns. Responde así á definición contida no artigo 16 da Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán. A Constitución de Cádiz de 1812, a primeira de España, e a de Noruega de 1814, vixente aínda que con emendas, responderon ao ideal constitucionalista da época. Á etapa contrarrevolucionaria, restauradora do Antigo Réxime absolutista, corresponden unha serie de textos constitucionais, denominados Cartas Outorgadas, concedidos polos monarcas ante a presión popular. A partir de 1848 iniciouse unha lenta democratización dos textos constitucionais: o sufraxio censatario substituíuse polo sufraxio universal e nos sistemas bicamerais as atribucións da cámara alta reducíronse en favor da cámara baixa. En Europa destacaron as constitucións francesas de 1848 e 1875, a alemá de 1871 e a española de 1869. No período de entreguerras algúns textos constitucionais europeos ampliaron a base electoral, mediante a concesión do sufraxio feminino, recolleron unha primeira lista de dereitos sociais e conferíronlle ao Estado o papel reitor da economía. Exemplos deste tipo son a Constitución alemá de Weimar (1919), a de Irlanda (1922) e a da Segunda República Española (1931). Despois da Segunda Guerra Mundial, tendeuse a reproducir o modelo do constitucionalismo liberal clásico, ao reforzar os elementos democratizadores, insistir na garantía dos novos dereitos sociais e racionalizar de modo máis flexible e pragmático os sistemas de goberno, coa integración dos sindicatos e partidos no xogo político. Desta época destacan a Constitución da República Italiana (1947), a da cuarta República Francesa (1946) e a Lei Fundamental de Bonn (1949). Houbo tres etapas democratizadoras que influíron nos textos constitucionais: unha primeira na década de 1960 nos estados xurdidos tralo proceso de descolonización; unha segunda na década de 1970 en Portugal, Grecia e España; e unha terceira tralo derrubamento do bloque comunista na década de 1990.

  4. s f [DER/HIST]

    Conxunto de normas xurídicas que incluían os decretos, editos e disposicións de contido xeral, os rescritos sobre cuestións e consultas particulares, e os mandatos como instrucións aos funcionarios imperiais. Durante a República romana baseábanse no acordo entre o pobo e o Senado; sen embargo, no Imperio ampliouse o poder do emperador a quen se lle concedeu a potestade de publicar os editos, mentres que o Senado só podía aprobar decretos, rescritos e mandatos. As reformas de Diocleciano outorgáronlles plenos poderes aos emperadores para promulgar leis xerais.

  5. [DER/RELIX]
    1. s f

      Disposición conciliar ou papal sobre cuestións ou costumes de fe. Exemplos destas disposicións son as catro constitucións canónicas promulgadas no Concilio Vaticano II, onde destacan as disposicións diocesanas e relixiosas.

    2. constitución sinodal

      Disposición diocesana promulgada polo bispo nun sínodo ou con asentimento do capitolio catedralicio. Ten valor de lei canónica e non pode ser reformada nin derrogada se non é por un novo decreto episcopal, doado in plena synodo. Nos sínodos, a promulgación definitiva da constitución é potestade propia do bispo.