construtivismo
(
-
s
m
[ARTE]
Movemento plástico iniciado en Moscova por Vladimir Tatlin (1914), quen o englobou na arte abstracta. A este artista adheríronse os irmáns Anton Pevsner e Naum Gabo e, posteriormente, Malevič e Rodčenko. Pevsner e Gabo publicaron o Manifesto realista (1920), no que se afirmaba a finalidade de construír unha nova realidade a partir do emprego de novos materiais industriais como os metais ou os plásticos. Mentres Pevsner e Gabo propuxeron unha arte espacial e espiritualista, Tatlin, que desenvolveu a tendencia produtivista que afirmaba a función social da arte ao servizo da colectividade, colaborou co Estado comunista na creación da nova estética. As obras realizadas por Tatlin, as estruturas útiles, baseáronse na funcionalidade e na xeometría. Entre todas elas, a máis representativa foi a maqueta do Monumento á III Internacional (1920). O movemento expandiuse por Europa trala condena do réxime soviético en 1922 que expulsou, entre outros, a Pevsner e Gabo. No eido da arquitectura destacaron os proxectos de El Lisickij e de Marcel Breuer. O construtivismo influíu na Bauhaus, en De Stijl e en Abstraction-Creation. En América Latina cómpre salientar os traballos de Joaquín Torres García.
-
s
m
[LIT]
Tendencia literaria que se desenvolveu en Rusia a partir dos principios do construtivismo artístico. Adscribíronse a ela os poetas V. A. Lougovskoi, I. L. Selvinski, V. Inber e Bagritski, entre outros, o director teatral V. E. Meyerhold, e o crítico K. L. Zelinski, que sentou as bases teóricas da estética. Ideoloxicamente, apoiaron o movemento bolxevique e vindicaron os escritores proletarios. Xurdiu dunha vontade de oposición aos modos tradicionais de composición, inspirada nos avances tecnolóxicos e no futurismo. Entendeu o feito literario como unha construción (igual ca unha peza de enxeñería) na que os recursos empregados, isto é, o aparato metafórico, o ritmo, a medida dos versos, etc, debían estar estreitamente relacionados co tema en cuestión, segundo unha técnica de construción que funcionaba, ao mesmo tempo, como medio de comprensión da realidade. Asentouse na busca da racionalidade e da perfección formal e empregou tecnicismos, formas épicas e recursos e procedementos próximos á prosa como vía de expresión propia da sociedade industrializada na que estaban inmersos. Influído polas vangardas, formulou os seus postulados estéticos a través de manifestos: Cambio total (1924), Gosplan literario (1925) e Bussiness (1929).
-
s
m
[PEDAG/PSIC]
Corrente psicopedagóxica que se caracteriza polo feito de entender o proceso da aprendizaxe humana como unha articulación de construcións mentais elaboradas de xeito activo por cada individuo. Enmárcase dentro da familia dos enfoques cognoscitivistas, que teñen a súa orixe nas teorías do psicólogo suízo Jean Piaget, e establece que a educación escolar debe promover nos alumnos a creación de estruturas mentais activas que se teñen que configurar, ao mesmo tempo, como esquemas de coñecemento. É o modelo psicopedagóxico adoptado na reforma educativa española de 1990.
-
s
m
[ESPECT]
Corrente artística europea, nacida en Rusia e ligada ás artes plásticas, que se promoveu a partir de 1915, e que tivo unha considerable influencia no desenvolvemento da teoría teatral de Vsevolod Meyerhold, principalmente co espectáculo Le cocu Magnifique, que presentou en 1922, a partir dun texto de Fernand Crommelynck. Este novo ideario artístico foi un dos estímulos necesarios para o desenvolvemento da biomecánica, proposta de formación integral dos actores e sustentadora de toda unha teoría da interpretación que parte do principio de que o personaxe é unha realidade que se constrúe a partir dos máis diversos elementos, da dimensión física do traballo actoral, nun proceso sumamente racional no que o intérprete ten en todo momento un control absoluto sobre os seus recursos expresivos. Esta proposta supoñía a superación doutras liñas de traballo máis centradas na introspección, na interiorización de emocións e vivencias, en procesos de identificación emotiva. Tamén incidiu na recuperación de vellas técnicas circenses, de procedementos propios da Commedia dell’Arte, da improvisación e doutros recursos relacionados co xogo dramático e demais actividades lúdicas. Mesmo deixou sentir o seu sinal na concepción da posta en escena como un traballo interdisciplinar no que se integraban diversas artes, como a creación plástica, o deseño industrial, o cine ou a música, mais non como simples elementos ilustradores da acción, senón como provocadores da mesma. Nese sentido, foi particularmente relevante a súa incidencia no campo do deseño escenográfico, en tanto que supuxo a substitución dos elementos naturalistas e mesmo simbolistas por formas abstractas, que se configuraban como estruturas metálicas ou de madeira coas que construír, de forma dinámica, os máis diversos espacios, sempre caracterizados pola combinación de planos e niveis, e mantendo unha interacción permanente coa música, a luz, o son e as primeiras proxeccións de imaxes. Rompeu coa escenografía do naturalismo; para isto substituíu os decorados veristas vixentes no momento por formas xeométricas suxeridoras de ambientes e potenciou ao máximo posible a capacidade expresiva dos movementos e dos xestos do actor. As súas montaxes non buscaban a verosimilitude, senón acadar a verdade na arte e mentres, os actores, convertidos en monicreques, encarnaban o horror e as lacras sociais. Foi un movemento que exerceu unha considerable influencia en toda a investigación e a experimentación do s XX, e a súa pegada pódese documentar nos traballos desenvolvidos na Bauhaus e na obra escénica de directores destacados como Erwin Piscator, Bertolt Brecht, Tadeusz Kantor, Bob Wilson ou Robert Lepage.