Consulado
Réxime político da última etapa da Revolución Francesa, comprendido entre o 10 de novembro de 1799 e o 18 de maio de 1804. Xurdiu tralo golpe de Estado do 18 de brumario do ano VIII (9 de novembro de 1799) de Napoleón I Bonaparte contra o Directorio. O seu obxectivo foi establecer un goberno forte que garantise as conquistas burguesas da Revolución. Baseouse na Constitución do ano VIII redactada por Sieyès e que non contaba cunha declaración de dereitos. O poder executivo recaeu en tres cónsules: o primeiro deles foi Napoléon, elixido para un período de dez anos, que tiña o poder de promulgar as leis e nomear os ministros; os outros dous cónsules, Cambacérès e Lebrun, tiñan funcións de carácter consultivo. O Senado estaba formado por 80 membros e, entre outras funcións, nomeaba os cónsules; o Consello de Estado exercía o poder lexislativo e nomeaba, entre outros, os membros do Senado; o Tribunado discutía as leis e o corpo lexislativo encargábase de aprobalas. Reorganizáronse cun criterio centralizador o ensino, a administración, a xustiza e as finanzas. En 1800 fundouse o Banco de Francia, e en 1804 promulgouse un código civil común para toda Francia que garantiu, entre outros dereitos, a liberdade individual, a igualdade ante a lei e a propiedade privada. Púxose fin ao problema relixioso creado pola Revolución coa sinatura do Concordato de 1801 e asinouse a Paz de Luneville (1801) e Amiens (1802) coa segunda coalición. En 1802 Napoleón foi designado cónsul vitalicio despois dun plebiscito e en 1804 estableceu o imperio hereditario.