contabilidade

contabilidade

(< contable)

  1. s f

    Actividade que consiste en levar as contas dunha xestión, dun negocio, da administración dunha empresa ou doutra entidade.

  2. s f

    Conxunto de contas dunha empresa, sociedade ou organismo público, levadas segundo un plan.

  3. s f [ECON]

    Rama particular da economía formada por un conxunto de postulados, proposicións e leis que teñen por obxecto a captación, a representación e a medida do patrimonio. Á función financeira sumáronselle funcións xurídicas e fiscais. Os bens e mais os dereitos constitúen o activo patrimonial; o pasivo patrimonial está formado polas obrigacións, e a diferencia entre eles é o neto patrimonial. Todo feito contable implica unha dobre anotación, de maneira que a suma de cantidades debedoras sexa igual ás acredoras. A contabilidade xeral é a que rexistra os movementos de valores da actividade da empresa e contribúe a determinar o balance e a conta de resultados; o primeiro paso é o de establecer a identidade entre o total de bens dispoñibles pola empresa e a suma das súas obrigacións cara aos propietarios e terceiros (activo - pasivo = capital); finalmente, faise un novo balance xeral, trasladando as perdas e as ganancias das outras contas á conta de resultados; é o balance xeral clasificado o que indica a verosímil situación económica da empresa nun momento dado. A contabilidade analítica rexistra e clasifica os elementos que determinan os prezos dos produtos e os servicios da empresa, cunha finalidade de control e previsión. A contabilidade nacional é unha rama especializada que mide a actividade económica da nación, rexistra os fluxos de bens máis importantes, a procedencia e a repartición das rendas, e a súa redistribución. Tamén está dirixida a establecer as contas de patrimonio e, sobre todo, a medir a evolución do capital fixo produtivo e a estimar o patrimonio das familias. A contabilidade pública abarca a contabilidade central, estatal e autonómica, a da administración local, a das entidades xestoras da seguridade social, as sociedades estatais e demais empresas públicas que están obrigadas a render contas da súa xestión económica ante o Tribunal de Cuentas.

Refráns

  • A conta é conta.
  • Boa conta, mala conta: todo é conta.
  • Cando chega a hora de contar, chega a de chorar.
  • No apuntar vai a ganancia.
  • Ó ve-la conta, xa me di redes se é boa.
  • Vale máis libros de conta que conta de libros.

Palabras veciñas

consuntivo -va | Consus | conta | contabilidade | contabilización | contabilizar | contable