Contadora, grupo de
Plataforma política creada o 9 de xaneiro de 1983 por representantes de México, Venezuela, Colombia e Panamá. Naceu coa finalidade de buscar, mediante negociacións multilaterais, unha solución pacífica e negociada aos conflitos de índole política, económica e social de América Central. Reunidos na illa de Contadora (Panamá), asinaron a Acta de Contadora para la Paz y la Cooperación en América Central, que acadou o apoio de diversas organizacións rexionais e internacionais, como o Consello de Seguridade das Nacións Unidas. En 1985 creáronse Grupos de Apoyo en Arxentina, Brasil, Perú e Uruguay que comezaron a reunirse cos conselleiros do grupo. En 1984 recibiu o Premio Príncipe de Asturias de Cooperación Iberoamericana e en 1985 o Premio Internacional Simón Bolívar.