Contos do camiño e da rúa
Colección de relatos publicada por Ramón Otero Pedrayo en 1932. Os sete textos que a compoñen concíbense como un mural histórico no que se reflicte a substitución das estruturas do Antigo Réxime polas do novo sistema capitalista que comezou a enxendrarse en Galicia desde finais do s XIX. Imprime un ton nostálxico á desaparición da sociedade patriarcal que esmorece coa chegada da burguesía mercantil, formada fundamentalmente por casteláns e maragatos. Os cinco primeiros relatos, titulados respectivamente “O fidalgo”, “A sirena”, “A criada”, “O pazo das cinco chagas” e “Dona Xoana e Don Guindo”, ofrecen versións complementarias da decadencia da fidalguía e do mundo dos pazos. Fronte a eles, nos dous últimos, “O pecado” e “Mediciña legal”, non aparece a fidalguía, pero representan tamén a irrupción do liberalismo burgués, baseado no valor material do diñeiro. Outro nexo de unión entre os relatos é a concepción simbólica do espacio, que se desenvolve a partir da contraposición entre a vida rural e urbana, marcada xa no mesmo título coa alusión ao camiño e á rúa: a aldea perfílase como asentamento humano propio de Galicia, mentres que a vila e a cidade se enchen de connotacións negativas. A técnica narrativa é lineal, case sempre desde a perspectiva dunha terceira persoa, ás veces obxectiva, pero na súa maior parte emprega unha omnisciencia propia da narración tradicional que amosa a súa simpatía ou ironía ante as distintas situacións ao mesmo tempo que transmite a visión dos personaxes e favorece a introspección psicolóxica nunha hábil fusión da voz narradora cos monólogos e diálogos dos personaxes. Igualmente, cómpre sinalar a fondura das descricións de corte impresionista, a técnica case cinematográfica que emprega na recreación dos distintos ambientes e escenarios ou a concepción teatral de “O fidalgo”. Entre os relatos do libro hai que salientar “O fidalgo”, considerado unha das mellores mostras da narrativa breve galega, no que conta a decadencia da fidalguía a través de sete momentos na vida do protagonista, entre 1835 e 1900, que conclúen co seu suicidio como símbolo de negación radical da realidade e como derradeiro acto de rebeldía. Outros dous relatos representativos son “A sirena” e “A criada”, onde se desenvolve a tese da alianza entre a fidalguía e o pobo como única posibilidade de salvación para os primeiros, se ben tan só en “A sirena” se consegue a desexada rexeneración da caste fidalga, chamada, na concepción do autor, a guiar os destinos do pobo galego.