Contos vianeses
Colección de contos populares editada por Laureano Prieto en 1958. Constitúe a primeira recompilación de narracións populares publicada trala Guerra Civil. Consta de setenta e cinco relatos recollidos directamente dos informantes na bisbarra de Viana do Bolo e transcritos con fidelidade á fala vianesa, polo que se converteron nunha fonte importante para o estudo das variantes dialectais da zona. Precédeos un estudo redactado tamén na fala vianesa no que se establecen as coordenadas xeográficas, etnográficas e dialectais que corresponden á zona. A continuación, organiza os relatos en cinco apartados diferentes, baixo as etiquetas de “contos de encantamentos”, “contos exemplares e relixiosos”, “contos de bulra” (divididos en cinco grupos dependendo da clase de burla practicada ou de quen sexa o afectado), “contos varios” (sección de carácter heteroxéneo que engloba textos sen elementos comúns) e “contos de animais” (cinco relatos que se presentan como continuación dunha colección do mesmo nome aparecida na Revista de dialectología y tradiciones populares, 1948). Así mesmo, realízase unha análise detida da maioría dos textos, que consiste na localización de variantes temáticas da historia, na delimitación xeográfica que corresponde a cada conto e na comparación con diferentes versións do mesmo conto que se coñecen na zona e mesmo coas existentes noutras linguas, en especial co castelán, pero tamén co ruso e cos contos de Andersen. Por último, engade ocasionalmente estudios da morfoloxía de certos contos. O conxunto vai acompañado dun vocabulario básico do dialecto vianés, coa súa tradución ao castelán.