contractualismo

contractualismo

(

s m [FILOS/POLÍT]

Conxunto de teorías políticas que explican a orixe da sociedade a partir do contrato social. As ideas de contrato social, de individualismo e dun primixenio estado de natureza, ligadas á mentalidade burguesa do s XVII, desenvolvéronse no pensamento político europeo dende finais do s XVI ata finais do s XVIII. Thomas Hobbes (1588-1679) afirmou que a existencia do pacto ou contrato social supuña a saída do estado de natureza caracterizado polo permanente enfrontamento. Para acadar a paz común, os homes entregan o seu poder e os seus dereitos individuais a unha autoridade soberana que pode ser outro home ou unha asemblea. A relación que se establece entre soberano e súbdito produce a sociedade civil; sen embargo, Hobbes non concretou a forma de goberno que podía ser a monarquía, a aristocracia ou a democracia. Para John Locke (1632-1704), os homes no estado de natureza están limitados por unha lei moral e gozan duns dereitos naturais que xeran deberes; ademais, organízanse en sociedade para defender estes dereitos e liberdades. Á hora de establecer unha forma de goberno, Locke mostrouse contrario á monarquía absoluta, pois a entendía contraria ao contrato social. Jean-Jacques Rousseau (1712-1778) desenvolveu a súa teoría contractual en Du contrat social (O contrato social, 1762). Segundo Rousseau, o contrato social é froito da vontade xeral, expresión da soberanía do corpo social que busca sempre o ben común. A vida en sociedade non supón a renuncia á individualidade dos seus membros.

Palabras veciñas

contractivo -va | contracto -ta | contractual | contractualismo | contractualista | contractura | contracuartel