Contrarretranca

Contrarretranca

Publicación en galego que apareceu na Estrada en 1990 editada pola asociación xuvenil A Tranca. Tivo dúas etapas: a primeira chegou ata xaneiro de 1993, e a segunda, que comezou en novembro de 1994, rematou en novembro do ano seguinte. Inicialmente presentou os subtítulos: “Revista de información de A Estrada”, “Revista municipal de información de A Estrada” e “Revista de información estradense”, entre outros. Na segunda etapa subtitulouse “Periódico estradense mensual”. Dirixida inicialmente por Tereixa Constenla, contaba coa colaboración de Ana Hervés no eido cultural. Posteriormente, exerceu como director Sindo Villamayor e como redactora Sonia Sánchez. Ofrece información sobre a comarca da Estrada e trata temas políticos, culturais e deportivos. No apartado literario reproducíronse textos de F. Bouza-Brey, Losada Diéguez, Martínez Oca, Alfonso de Trabadela, Ken Keirades, Carlos Pereiras e Manuel Pereira Valcárcel.