contraurbanización
(
Proceso de movemento desconcentrador de persoas e actividades económicas dende as áreas urbanas cara ás áreas rurais e dende as metrópoles e cidades cara ás vilas e aldeas.
Desenvolvemento conceptual
O concepto de contraurbanización xurdiu nos EE UU na década de 1970 para denominar un proceso contrario ao da urbanización tradicional: fronte á urbanización clásica definida por movementos centrípetos de poboación e fluxos económicos cara ás principais cidades e grandes áreas metropolitanas, apareceu un proceso de sentido contrario, de movementos centrífugos dende as grandes cidades cara a pequenos asentamentos urbanos e rurais. Representa unha inversión do sentido dos fluxos demográficos e económicos nos sistemas de asentamento dos países máis desenvolvidos, que a partir dela se verifican fundamentalmente en sentido descendente, dende os asentamentos de poboación de maior volume cara aos menores. Os fluxos de poboación urbana cara ás áreas rurais caracterízanse pola súa grande heteroxeneidade social: xubilados que buscan lugares tranquilos e cun medio ambiente salubre e apropiado para o tratamento de determinadas patoloxías; antigos emigrantes que regresan aos seus lugares de orixe tras ter desenvolvido a súa vida laboral na cidade; simpatizantes ou militantes de ideoloxías naturistas (contraurbanización contracultural); profesionais da medicina, da administración ou da educación que exercen nas áreas rurais; persoas novas ou familias que buscan vivendas a prezos accesibles, etc. A contraurbanización pode ser planeada e/ou espontánea. As políticas de ordenación territorial poden contribuír ao desenvolvemento económico e ao poboamento das áreas rurais, e as persoas individualmente ou en familia poden cambiar o seu lugar de residencia ao seu gusto.
A contraurbanización en Galicia
A sociedade galega na década dos sesenta do s XX presentaba unha poboación que residía predominantemente en asentamentos de menos de 1.000 h (77% do total). O desenvolvemento urbano e industrial foi importante durante os anos sesenta nas comarcas occidentais das Rías Baixas e do Golfo Ártabro, onde as políticas de desenvolvemento económico favorecían a concentración de poboación nas cidades de Vigo, A Coruña e Ferrol, onde adquirían pleno desenvolvemento as industrias metalúrxicas (estaleiros, fabricación de automóbiles) ou as de conservas de peixe e marisco. Neses anos, a evolución demográfica de Galicia acentuou os desequilibrios territoriais entre as áreas urbanas e o campo. No 1950 as principais cidades galegas (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo) sumaban o 13,9% da poboación; no 1970 a porcentaxe de poboación residente nestes núcleos principais incrementouse ata o 23%, mentres os asentamentos con menos de 1.000 habitantes perdían poboación e pasaban do 77,2% en 1950 ao 66,2% en 1970. Nas décadas dos anos 1970-1980 e 1980-1990, o proceso de concentración demográfica nas grandes cidades galegas deixou de ser importante ao despuntar certos cambios no comportamento demográfico do sistema de asentamentos. Nos anos setenta os núcleos de menos de 1.000 h seguiron a perder poboación, un 7%; pero a gran novidade foi o elevado incremento dos asentamentos intermedios, comprendidos entre os 5.000 h e os 20.000 h, que case triplicaron a súa poboación, ao pasar dos 56.300 h en 1970 aos 143.000 h no 1981. Este feito vincúlase co desenvolvemento urbanístico da periferia das grandes cidades, sobre todo de Vigo e Ferrol, onde a industrialización tivo un forte compoñente rural, pois moitos traballadores de Citroën, Astano e os demais estaleiros ou das conserveiras non abandonaron as súas vivendas rurais e a práctica dunha agricultura familiar de autoconsumo. Ademais, outros asentamentos localizados relativamente lonxe dos principais núcleos urbanos, como pequenas cidades e vilas cabeceiras de comarca rural, como é o caso de Arzúa, Carballo, Lalín, Melide ou Monforte de Lemos, tamén foron capaces de medrar demograficamente de xeito significativo. Nos anos setenta e oitenta, o maior crecemento demográfico xa non correspondeu tan claramente ás sete principais cidades de Galicia, como acontecera na década anterior. Estes cambios manifestan tendencias de contraurbanización e asociadas a elas proliferan no campo galego formas de asentamento disperso: edificacións lineais ás beiras das estradas, vivendas illadas ou urbanizacións de chalés exentos ou acaroados. Na década dos noventa, o forte crecemento demográfico de determinados lugares da periferia das cidades, xunto co de vilas do interior de Galicia, a maior ritmo ca as principais cidades (que incluso chegaron a perder poboación), permiten soster a afirmación do afianzamento de procesos de contraurbanización no sistema de asentamentos de Galicia. Os municipios das áreas metropolitanas de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela experimentaron fortes incrementos demográficos mentres que as cidades se estancaron ou incluso (no caso das últimas dúas) perderon poboación. Ademais, vilas cabeceiras de comarcas rurais como Lalín, Viveiro ou Melide, entre outras, medraron significativamente.