control

control

(

  1. s m Antónimos: descontrol.
    1. Acción de comprobar exhaustivamente ou verificar algunha cousa.

      Ex: A Unión Europea realiza un control exhaustivo dos seus produtos en base ás normas ISO.

      Sinónimos: inspección, vixilancia. Antónimos: descontrol.
    2. [EDUC]

      Exercicio que se realiza para seguir a evolución dos coñecementos dun alumno.

      Ex: Todos os alumnos aprobaron os controis da primeira avaliación.

      Sinónimos: proba. Confrontacións: exame.
  2. s m
    1. Limitación da liberdade ou dominio sobre unha acción ou un fenómeno.

      Ex: Os accionistas maioritarios teñen o control absoluto da empresa. Moitos países pobres comezaron a preocuparse polo control da natalidade.

      Confrontacións: dominación.
    2. Capacidade de levar a cabo este dominio.

      Ex: Non é quen de levar o control das contas da empresa.

  3. s m

    Dispositivo para manexar algunha cousa.

    Ex: Activaron a bomba por medio dun control remoto. Fallaron os controis da aeronave e caeu ó mar.

    Confrontacións: dirección.
  4. s m
    1. Oficina na que se fai a verificación e a comprobación dalgunha cousa.

      Ex: Pasa antes polo posto de control para que che selen a autorización.

      Confrontacións: inspección.
    2. Posto do exército, da policía ou doutro órgano oficial que realiza unha operación de vixilancia.

      Ex: Detiveron os terroristas no control que estableceu a Garda Civil.

      Confrontacións: inspección.
  5. [AUTOM/CIBERN]
    1. s m

      Conxunto de operacións orientadas a supervisar o estado dun sistema (vehículo, máquina, proceso industrial, etc) para poder xerar, en función das desviacións do seu comportamento respecto do desexado, as accións de mando necesarias para reducir ou anular esa desviación. Cando a captación da información do estado do sistema, a análise e comparación respecto do comportamento desexado e as accións de mando se realizan dun xeito automático, fálase de sistema automático, de sistema con control automático ou, simplemente, de control automático, que se leva a cabo en dúas configuracións básicas: en bucle aberto e en bucle pechado (con feedback ou retroalimentación). A aplicación do ordenador deulle un forte pulo ao desenvolvemento do control dixital. Os sistemas de control pódense clasificar de varias maneiras: segundo os métodos de análise, en lineais ou non lineais, invariantes e variantes; segundo o tipo de sinal, en continuos ou discretos; segundo o tipo de compoñentes, en electromecánicos, hidráulicos, pneumáticos e biolóxicos; segundo a súa función principal, en posicionadores, termostatos, reguladores de velocidade, etc. A súa concepción e funcionamento organízase en tres niveis: enxeñería de sistemas, enxeñería de compoñentes e instrumentación. Entre as súas aplicacións máis interesantes está a regulación automática, que ten como obxectivo manter constante unha determinada magnitude malia as perturbacións ás que se poida ver sometida. A compensación dinámica, outra aplicación dos sistemas de control, ten como obxectivo a mellora do funcionamento dinámico de certos compoñentes ou sistemas, mediante a aplicación dun control retroactivo. A segunda configuración é a de control en bucle pechado (con retroalimentación ou feedback): a variable controlada devólvese e compárase coa de control, e a súa diferencia, previamente elaborada polo regulador, determina a evolución do órgano motor co fin de reducir a desviación observada. O control óptimo tenta conseguir que o sistema de control opere de xeito que se optimice un determinado criterio da calidade do funcionamento. Na regulación de procesos, a tecnoloxía electrónica foi desprazando a pneumática e a evolución cara ás técnicas dixitais significou tamén a dixitalización do control de procesos e, particularmente, a dos reguladores.

    2. control dixital

      Control en tempo real de sistemas dinámicos no que o controlador ou corrector está instrumentado por medio dun ordenador. O seu emprego estendeuse máis en servomecanismos, pilotos automáticos, refinerías e sistemas de transporte público. O desenvolvemento dos microprocesadores deulle un pulo definitivo ao uso do control dixital, que se pode atopar hoxe en día nos automóbiles, nos electrodomésticos ou nos xogos electrónicos. As características deste tipo de control son a versatilidade, a flexibilidade e o traballo con sinais dixitais. O ordenador conéctase a sensores e operadores, xeralmente analóxicos, a través de mecanismos interpostos capaces de converter a información analóxica en dixital (convertedor A/D) ou viceversa (convertedor D/A). A diferenza dos controladores analóxicos, os controladores dixitais son dispositivos electrónicos que poden controlar diversos bucles mediante as secuencias de saída xeradas por algoritmos de cálculo numérico moi diversos.

    3. control numérico

      Tipo de control que dá as instrucións segundo un código numérico rexistrado nunha cinta perforada ou nun disco magnético. Emprégase moito nas máquinas-ferramenta para dirixir a secuencia das operacións que se queren realizar.

    4. teoría de control

      Rama da teoría de sistemas que trata do xeito de conseguir o cambio de comportamento dun sistema por medio de accións externas. Fai de ponte entre a abstracción matemática e a realidade física, e pódese aplicar a ámbitos tan diversos como a enxeñería, a economía e a bioloxía. Pode subdividirse en dúas grandes partes: teoría clásica e teoría moderna. Cando o controlador está instrumentado por medio dun ordenador fálase de control dixital. O obxectivo do control é conseguir que a saída da planta y(t) se manteña igual ao sinal de mando r(t), seguindo as súas evolucións, malia a presenza de perturbacións. No caso r=0, o control recibe o nome específico de regulación. Cualifícase de robusto o sistema que presenta un alto grao de inmunidade ás perturbacións e unha baixa sensibilidade ás variacións paramétricas; a maneira máis sinxela de conseguilo é utilizar un bucle pechado de control con retroacción negativa. Se o bucle presenta un comportamento propio da retroacción positiva ou rexenerativa, pódense producir oscilacións e mesmo inestabilidade. O obxectivo da teoría clásica é a análise e a síntese (ou deseño) de sistemas de control, fundamentalmente lineais invariantes e dun só bucle. Para certos sistemas, estes métodos non son axeitados e cómpre recorrer á formulación de estado característica da teoría moderna.

  6. [INFORM]
    1. s m

      Tecla que se acostuma utilizar en solitario ou en combinación con outras para facer que un ordenador execute determinadas ordes.

    2. control de pantalla ANSI

      Código que emprega secuencias de caracteres estándar ANSI (secuencia de escape) e as envía á pantalla do ordenador para que realice distintas accións, como a de borrar a pantalla.

  7. s m [FILAT]

    Numeración que teñen algúns selos no reverso, así como nos pregos. Tamén se denomina numeración de control.

  8. s m [COMUN]

    análise de competencia.

  9. control biolóxico [ECOL]

    loita biolóxica.

  10. control de calidade [IND]

    Conxunto de operacións de verificación ás que se someten algunhas mostras, escollidas por métodos estatísticos, dunha produción industrial, especialmente en serie e con máquinas e instalacións automáticas, para poder garantir as calidades máis características ou máis importantes do produto. O movemento de calidade data dos anos vinte, cando o Dr. Walter Shewhart de Bell Laboratories (EEUU) desenvolveu un método de gráficos de control para medir variacións nos sistemas de produción, coñecido como control estatístico de procesos. A calidade tivo un desenvolvemento sostido nos EEUU e no Reino Unido, pero só se aplicou seriamente nas industrias cando era inminente a Segunda Guerra Mundial. O control de calidade e os métodos estatísticos foron elementos tan críticos no esforzo que supuxo a Segunda Guerra Mundial, que foron clasificados como segredos militares. Non obstante , despois da guerra, a maior parte das empresas en EEUU deixaron de utilizalos. Posteriormente, o control de calidade e os métodos estatísticos tiveron un rexurdir nos anos 50 e 60, enfocados cara á calidade da produción e dos procesos de inspección. Algúns países europeos comezaron a poñer en práctica o control de calidade no 1963. A Organización Europea para o Control de Calidade (EOQC) creouse no 1965. Hai organizacións internacionais e nacionais que se encargan de elaborar normas técnicas. A maioría dos organismos nacionais, en España AENOR (Asociación Española de Normalización e Certificación), son membros da ISO (Organización Internacional de Normalización). Este organismo elaborou a través do seu comité técnico correspondente o texto da Norma Internacional ISO 9001: 2000 (Sistemas de Xestión da Calidade. Requisitos), trátase dunha norma de carácter voluntario, que adoptan as empresas e organizacións que queren certificar os seus sistemas de Xestión de Calidade. A actividade certificadora trata de afirmar que un produto ou sistema de traballo responde aos requisitos dunha norma. Os organismos nacionais de normalización, ademais doutros debidamente acreditados, asumen as tarefas de certificación, e aplican marcas de conformidade propias e certificados de conformidade.

  11. control de cambio [ECON]

    Método, adoptado regularmente no campo monetario, para influír na balanza de pagamentos. Consiste en limitar a convertibilidade da moeda nacional por divisas. Os inconvenientes que pode xerar son a aparición dun “mercado negro” da moeda escasa, restrición da libre iniciativa de comercio por parte dos particulares e represalias por parte dos estados discriminados.

  12. control de poboación [ECOL]

    Conxunto de accións dirixidas a producir cambios, polo xeral no sentido de limitación de crecemento, na traxectoria natural dunha poboación animal.

  13. control de xestión [ECON]

    Sistema de análise sistemática e continua dos resultados empresariais, para determinar as posibles desviacións respecto dos obxectivos establecidos e modificar a súa xestión para poder mellorar os resultados.

  14. control integrado [ECOL]

    loita integrada.

  15. control social [SOCIOL]

    Regulación da conduta dos membros dun grupo social mediante o establecemento duns valores ideolóxicos e dunhas pautas de comportamento, de forma que se predeterminan socialmente as normas de actuación, aínda que o individuo non é consciente diso. Actúa como mecanismo de compensación das tendencias opostas ao sistema vixente e, neste sentido, oponse a cambio social.