Convergència Democràtica de Catalunya

Convergència Democràtica de Catalunya
Nome científico: [CDC]

Partido político catalán. Naceu tras unha xuntanza clandestina en Montserrat o 17 de novembro de 1974, na que participaron diferentes representantes do nacionalismo catalán procedentes, entre outros, dos sectores sindicais, profesionais, culturais e universitarios. O comunicado final recolleu catro puntos básicos: democracia, sentido social, nacionalismo e europeísmo. O 3 de decembro de 1976 converteuse en partido político e Jordi Pujol i Soley foi nomeado secretario xeral. O 23 de febreiro de 1977 incribiuse no rexistro de asociacións políticas e en xuño do mesmo ano participou nas primeiras eleccións xerais da democracia na candidatura do Pacte Democràtic per Catalunya. En 1978 integrouse en CDC o partido Esquerra Democràtica per Catalunya, e Ramón Trias i Fargas converteuse no presidente da CDC, cargo que ocupou ata 1989. O 19 de setembro de 1978 formou, xunto con Unió Democràtica de Catalunya (UDC), a coalición electoral Convergència i Unió (CiU), vencedora nas eleccións autonómicas catalanas dende 1980, con Jordi Pujol como presidente da Generalitat. En 1993 Esquerra Catalana fusionouse con CDC. O partido ten cinco obxectivos: impulsar o exercicio da plena soberanía; protexer e mellorar o medio; consolidar os Països Catalans; colaborar e promover a axuda mutua entre todas as nacións e rexións que compoñen o Estado español; e construír a Europa dos pobos. Articúlase en primeira instancia nun marco territorial organizado en agrupacións locais, comarcais e cinco federacións de comarcas; a nivel nacional a dirección está representada polo Congrés, o Consell Nacional, o Comitè Executiu Nacional e o Secretariat Permanent, ademais dos cargos individuais de dirección e representación de presidente, Jordi Pujol dende 1989, secretario xeral, Artur Mas i Gavarró, dende novembro do 2000, e secretario de organización, Lluís M. Corominas i Díaz, dende xaneiro do 2000.

Palabras veciñas

convento | conventual | conventualidade | Convergència Democràtica de Catalunya | Convergència i Unió | conversa | conversable