convento
(< lat conventu, p p deconvenīre ‘reunirse’)
-
s
m
[RELIX]
Casa na que vive unha comunidade de relixiosos ou de relixiosas baixo as regras da súa orde. O termo resérvase ás casas de ordes non monásticas, aínda que no uso popular ten un sentido máis xeral.
Confrontacións: abadía, convento, freiría, mosteiro. -
convento xurídico
[HIST]
-
Tribunal de xustiza presidido polo gobernador ou polos responsables políticos ou militares, que se reunía nas capitais dos distritos nos que estaban divididas as provincias. No ordenamento xurídico romano aparecen xa dende a época republicana, naquelas rexións onde non se chegou a establecer unha administración regular.
-
Subdivisión provincial romana correspondente aos distritos e cunha determinada demarcación territorial. A administración dos conventos xurídicos dependía dun Legatus iuridici per Asturica e Gallaecia con atribucións militares e xurídicas e, ao seu carón, pero con funcións económicas e fiscais, atopábase o Procurator Asturiae et Gallaeciae. Gobernando a provincia figuraba o Legatus Augusti propraetore, responsable global da administración dos conventos xurídicos. Na capital do convento centralizábanse a recadación fiscal, a xestión económica, a administración de xustiza, os cultos relixiosos de carácter oficial e o control militar. Os conventos xurídicos establecéronse en Galicia dende o s I d C, segundo algúns autores durante o goberno de Augusto, pero non foi ata o goberno de Vespasiano (69-79 d C) cando aparecen testemuñas desta medida administrativa. A maior parte da superficie actual de Galicia correspondíase co Conventus Lucensis, mentres que o terzo máis meridional e a parte máis oriental do país formaban parte, respectivamente, do Conventus Bracarensis e do Conventus Asturiensis; pertencentes todos eles á provincia Hispania Ulterior ou Tarraconensis.
-
Refráns
- O que serve ao convento serve ao vento.