abadía
(< lat ecles tardío abbattīa)
-
s
f
-
[ADM/RELIX]
Mosteiro rexentado por un abade ou abadesa, independente da xurisdición ordinaria do bispo correspondente. Conxunto de edificacións nas que conviven un grupo de relixiosos ou relixiosas sometidos á disciplina dunha regra relixiosa e baixo a autoridade dun abade ou abadesa. Así mesmo, forman parte da abadía o conxunto dos bens, territorio, rendas, xurisdición e outros dereitos pertencentes a un mosteiro que goza de exención episcopal por dereito propio, ou que está baixo a potestade dun abade ou abadesa.
Sinónimos: cenobio, mosteiro. Confrontacións: cartuxa, convento, monacato. -
[ARQUIT]
Edificio ou conxunto de edificios dun mosteiro ou dunha colexiata.
Sinónimos: cenobio, mosteiro. Confrontacións: cartuxa, convento, monacato. -
[HIST]
Xuridicamente, as abadías configúranse como unha entidade independente da potestade episcopal, polo que os seus bens materiais (terras, rendas, dereitos señoriais e calquera outra posesión) están exentos do sometemento á xurisdición do bispo da diócese onde se asenta o edificio monástico. A comunidade monacal debe superar o número de doce membros, cantidade empregada na configuración das expedicións que tiñan por obxectivo a fundación dun novo mosteiro. Durante a Idade Media, momento en que se fundaron a maioría das abadías, seguíronse tres procesos de fundación monástica diferentes. O primeiro, que se coñece como modelo visigótico, é o que seguiron aqueles mosteiros que se asentaron en lugares de oración elixidos por grupos de xentes que, en moitos casos, chegaran das terras que pasaran a dominio islámico. Este modelo de fundación, polo xeral, contaba cun aberto apoio da monarquía. Nacen así algúns dos que chegarán a ser sobranceiros mosteiros en épocas posteriores: Samos, Mondoñedo, San Martiño Pinario, Montesacro, Poio, San Pedro de Rochas ou Santo Estevo de Ribas de Sil. O segundo modelo é o que xorde da iniciativa particular de familias poderosas que buscan, coa fundación de casas relixiosas nos seus dominios, un lugar de retiro e soidade onde pasar os últimos días da súa vida e un xeito de manter e asegurar o seu patrimonio familiar. Ao abeiro desta modalidade fúndanse os mosteiros de Sobrado, Celanova ou Lourenzá, que adoptaron a disciplina da Regra de san Bieito ou do Císter. O terceiro proceso, plenomedieval, é o desenvolto coa reforma do Císter. A refundación do mosteiro de Sobrado polos doce monxes procedentes da abadía francesa de Claraval, primeira fundación do Císter na Península Ibérica, é o exemplo paradigmático. Situadas, polo xeral, illadas da poboación, estas comunidades precisan e reciben nos primeiros tempos da súa existencia xenerosas dotacións -terras, construcións, gando, roupas ou aparellos domésticos- que, procedentes do rei ou de particulares, lles permitía asegurar a supervivencia e manutención cotiá. Xunto con estas dotacións recibían, así mesmo, elementos relacionados coa finalidade espiritual: ricos instrumentos de culto, cálices, cruces, libros relixiosos e litúrxicos e vestimentas sacerdotais. Por mor deste feito, a supervivencia destas abadías quedaba supeditada, dende o mesmo momento da súa fundación, á xenerosidade. Nos momentos de máximo esplendor dos mosteiros a orde bieita e a reforma cistercense acapararon, nuns casos por nova fundación e noutros por adopción da norma por algunha das abadías existentes, a maior parte das fundacións monásticas galegas. As primeiras abadías, antes da introdución da Regra de san Bieito, rexíanse polos preceptos de san Frutuoso; sen embargo, a partir do s X espallouse por Galicia a Regra de san Bieito, que servira de norma fundadora en numerosas abadías europeas dende o s VIII. No s XII e XIII, baixo o patrocinio da abadía francesa de Cluny, a expansión do monacato por Galicia chegou ao seu máximo apoxeo; sen embargo, coas súas prerrogativas limitadas polos diversos concilios nos que se promovía a introdución da Regra de san Bieito nos mosteiros galegos, acentuando sobre todo aqueles aspectos que fan referencia á dependencia das abadías con respecto aos bispos diocesanos. A maior parte das fundacións dependentes directamente de Cluny non prosperaron, agás a de San Martiño de Xubia -fundación consolidada no s X que perdurou ata o s XVI- malia que os mosteiros medraban con forza e consolidaba unha rede monástica que comezaba nas abadías matrices, continuaba nas casas dependentes e se estendía polo territorio asumindo multitude de priorados e granxas sometidos á autoridade dos abades. Esta rede monástica acadou o seu cumio coa chegada da reforma pulada dende as abadías francesas de Citeaux e Claraval, que ofrecía unha face reformista alicerzada nuns principios de volta aos primixenios ideais monásticos. Así mesmo, a reforma outorgaba a independencia a moitas das casas relixiosas que estaban supeditadas aos poderes laicos -propoñía a dependencia directa da Santa Sé-, coa finalidade de evitar inxerencias señoriais de monarcas, bispos ou calquera outro tipo de patróns. Por motivos xurisdicionais ou disciplinares xurdiron abondosos enfrontamentos entre os mosteiros e os bispos: consérvanse os documentos que testemuñan o conflito entre os monxes do mosteiro de Samos e o Bispo de Lugo, o do mosteiro de Celanova co Bispo de Ourense ou o dos monxes de Monfero e o Arcebispo de Santiago de Compostela, se cadra o de máis gravidade. Sobrado, Oseira, Aciveiro, Melón, Meira, Toxosoutos ou Xunqueira de Espadañedo son exemplos da magnitude que rodeou o proceso de espallamento do Císter en terras galegas, atracción que afectou tamén aos mosteiros bieitos de Armenteira, Monfero, San Clodio ou Moreira que acolleron a reforma cistercense. Case todos os mosteiros do Císter dependían da abadía de Claraval, agás o de Penamaior de Lugo, filial de Carracedo e vencellado á abadía de Citeaux. Este sistema fundacional foi o que estableceu a distinción entre mosteiros matrices e mosteiros filiais. Para unha nova fundación seleccionábase unha colonia de doce monxes que saían das comunidades matrices ás que se acabou por designar como abadías. A reforma monacal do s XV, completada no XVI, distinguiuse pola supresión dos pequenos cenobios e a perda de autonomía e libre dispoñibilidade de bens, polo que os beneficios pasaban, en parte, aos mosteiros unificadores (Congregación de Valladolid para os bieitos e Congregación Cisterciense de Castela para o Císter). Esta reforma procuraba, así mesmo, evitar a proliferación de abades comendatarios, que vivían en Roma e mantiñan un representante nas abadías. A creación de ambas as dúas Congregacións supuxo a fin da presenza de abadías, no seu sentido xurídico pleno, no territorio galego, pois a partir desa reforma os abades só rexentaron as Congregacións de Castela. Hoxe en día, tan só o mosteiro de Samos cumpre coas esixencias e requisitos para se poder considerar abadía, trátase dunha casa matriz da que dependen os mosteiros de San Clodio e de San Vicente do Pino e está gobernado por un abade con xurisdición similar á episcopal, polo que se adoita empregar esta denominación para facer referencia ao conxunto monástico de Samos. Esta medida favoreceu o retorno definitivo a algunhas abadías que se iniciara unhas décadas máis atrás. En canto á designación de abadía é un feito probado que na Regra bieita non se empregaba este termo, mantendo mosteiro para referirse ás dependencias onde viven os monxes. A magnitude da orde cluniacense, sen embargo, motivou que nos ss XII e XIII se establecese unha diferenciación entre casas empregando o termo abadía para designar as entidades de máis importancia dentro da congregación. O feito do uso indistinto dos termos abadía e mosteiro, mesmo cun emprego preferente do segundo como demostran as propias fontes documentais, que prefiren abertamente a designación de mosteiro para se referir a calquera edificación monástica significativa da nosa terra -mesmo logo da chegada a Galicia dos movementos bieitos e cistercenses- non debe levar á conclusión da inexistencia de abadías en Galicia. A explicación deste feito é sinxela e ten relación co sistema fundacional practicado polas ordes monásticas que se ven de comentar: a entrada dos mosteiros galegos na dependencia das entidades monásticas que tiñan as súas casas principais fóra de Galicia, motivou que a designación de abadía acabase por se empregar só para referirse aos mosteiros matrices ou de maior importancia, mentres que o resto das entidades monásticas se designaban co termo mosteiro. En sentido estricto, os mosteiros galegos máis importantes cumprían os requisitos para seren clasificados como abadías segundo a denominación xurídica establecida no Dereito Canónico: dispoñían dun territorio fundacional libre de calquera señorío, estaban exentos da xurisdición episcopal diocesana, gobernábaos un abade e posuían clero propio, con igrexas e fieis dentro dos seus dominios, separados da diócese onde se fundaran; en moitos casos engádese ao anterior a magnitude das propiedades, o seu poder e xurisdición, o contar con privilexios de exención e acoutamento, emanados da potestade real que amparaba a moitos mosteiros galegos. Dentro desta categorización entrarían os mosteiros bieitos de San Paio de Antealtares, San Martiño Pinario, Samos, Lourenzá, O Pino, Celanova, Ribas de Sil, Poio e Lérez, xunto cos cistercenses de Sobrado, Monfero, Meira, Oseira, Melón, Montederramo, San Clodio, Oia e Aciveiro.
Confrontacións: cartuxa, cenobio, convento, mosteiro, monacato. -
abadía coenxial /
[ADM/RELIX]
Colexiata ou coenxía regular da Orde de santo Agostiño rexida por un abade.
-
abadía nullius lat nullius dioecēsis [lat nullius dioecēsis] /
[ADM/RELIX]
Territorio eclesiástico rexido por un abade que depende de xeito directo da Sé Apostólica.
-
abadía segrar /
[ADM/RELIX]
Abadía entregada pola autoridade civil, principalmente entre os ss VIII e X, a un crego ou laico que dispoñía das súas rendas.
-
[ADM/RELIX]
-
s
f
abadiado.
-
s
f
En Galicia, así como noutros territorios da Península Ibérica, designa a casa e as terras colindantes pertencentes á Igrexa, chamadas igrexario, do crego dunha parroquia ou rectoral.
-
s
f
[DER/ECON]
En Galicia designa un tributo que, semellante á loitosa pagada ao señor da terra, se entregaba ao párroco nalgunhas vilas con motivo do pasamento dun fregués.
Ex: O cura pediume unha abadía moi alta pola misa que lle ofrecín á Virxe.
Confrontacións: tributo.