abadexo

abadexo

(< cast abadejo < latabbadagium ‘contribución que se pagaba ós abades’)

  1. s m [ANIMAL/ICT]

    Peixe de corpo alongado que pode acadar uns 80 cm de lonxitude. Ten a mandíbula inferior sobresaínte, os ollos grandes e a liña lateral formando un S por riba das aletas pectorais. É de cor castaña verdosa no dorso, máis clara nos flancos e branca na parte ventral. Vive en augas costeiras sobre fondos duros e rochosos; de novos atópanse no litoral e de adultos en augas máis profundas ata 100 m. Aliméntase de peixes de menor tamaño.

    Confrontacións: corbelo.
  2. s m [HIST]

    O procesamento industrial do abadexo, moi cotizado no mercado, foi, xunto co do polbo, dunha especial relevancia nas pesqueiras das Rías Baixas. A súa importancia comezou a partir do s XVIII debido ás guerras co Reino Unido, principal exportador europeo de bacallao, artigo moi consumido por todas as clases sociais antes desa época e un dos substitutos preferidos da carne en períodos de vixilia relixiosa. Ese feito levou as autoridades ilustradas a fomentar a transformación de especies con características semellantes, polo que se fixaron no abadexo. Xa no s XIX, os fabricantes das salgadeiras acompañaron a produción de sardiña coa transformación do abadexo, especialmente en épocas de escaseza de capturas. Esta substitución acelerouse despois da Guerra Civil Española (1936-1939), cando Galicia experimentou unha importante diminución das actividades extractivas de bacallau nos bancos pesqueiros internacionais por causa da Segunda Guerra Mundial. Posteriormente, a transformación do abadexo acadou importancia nalgúns portos do litoral galego, por exemplo no concello de Bueu. Coa fin da autarquía, e unha vez posibilitado o acceso a caladoiros internacionais como o de Terranova ou o Gran Sol, puidéronse explotar novamente os bancos de bacallao, de aí que descendera a actividade transformadora do abadexo.

  3. s m [ALIM]

    Peixe que admite a salgadura, aínda que adoita consumirse fresco, ben cocido, fritido ou guisado.