mosteiro

mosteiro

(< lat monasterĭu)

s m [RELIX/HIST]

Edificio no que viven os monxes ou as monxas. Inicialmente empregouse para designar a cela dun monxe, despois pasou a indicar as agrupacións de celas, chamadas lauras, e finalmente, designou un cenobio, ou lugar onde habita unha comunidade de monxes ou de curas regulares. A arquitectura monástica medieval occidental, que se desenvolveu desde o s VI como expresión das esixencias domésticas establecidas pola orde de San Bieito, adoitan contar cunha serie de espazos comúns: igrexa, dormitorio, refectorio e sala capitular, entre outros, organizados ao redor dun patio ou claustro. Ademais, dentro do recinto pechado atópanse as dependencias de traballo e a biblioteca. No Oriente cristián, os edificios monásticos presentan a particularidade da construción da igrexa principal, ou katholikón, no centro do patio e do conxunto de celas e dependencias. En Galicia o emprego preferente do termo mosteiro para se referir a calquera edificación monfástica significativa tivo a súa orixe no sometemento dos mosteiros galegos á dependencia de ordes monásticas que tiñan as súas casas principais fóra de Galicia. Polo que a denominación de abadía só se empregou para referirse aos mosteiros matrices ou de maior importancia, mentres que o resto das entidades monásticas se designaron co termo mosteiro. Nos momentos de máximo esplendor da arquitectura monástica en Galicia, nos ss XII e XIII, a orde cisterciense promoveu unha arquitectura caracterizada pola sinxeleza das súas formas, que tentaba acadar a beleza na proporción, a austeridade e a harmonía. Pola súa parte, as igrexas das ordes mendicantes realizadas no estilo gótico, seguían un esquema arquitectónico caracterizado pola planta de cruz latina, a nave única con cuberta de madeira e a capela maior con bóveda de cruzaría.   Presentaban tamén grandes ventanais verticais con tracerías e rosetóns no testeiro. As ordes mendicantes exerceron unha importante influencia artística nas vilas mariñeiras.

Sinónimos

Confrontacións

abadía, cenobio, convento, freiría

Palabras veciñas

Mostar | mostaza | mostea | mosteiro | Mosteiro | Mosteiro | Mosteiro