monacato

monacato

(< lat tardío monachatu)

  1. s m [RELIX]

    Estado e profesión de monxe que se caracteriza por un certo afastamento material da sociedade e por unha vida de ascese e pregaria. Deixando á parte o Islam, que non ten vida monástica propiamente dita, as tres grandes correntes son o monacato cristián, o hindú e o budista. O monacato cristián, vivido por homes e mulleres, ten a orixe nos ascetas e nas virxes que vivían radicalmente a súa fe cristiá nas cidades. No s III xa había anacoretas en Siria, Palestina, Mesopotamia e, sobre todo, en Exipto. No s IV dúas grandes figuras marcaron a norma para o futuro: santo Antón Abade, chamado pai dos anacoretas, e san Pacomio, chamado pai dos cenobitas. San Basilio o Grande, no mesmo s IV, cos seus escritos monásticos, sobre todo coa regra de san Basilio, marcou o desenvolvemento ulterior do monacato. En Occidente, cara a 360, san Martiño de Tours fundou en Ligugé o primeiro mosteiro occidental do que se ten constancia. En Hispania documéntase no s III cunhas características propias, e con Prisciliano, Xoán de Biclarum, Leandro, Isidoro de Sevilla ou Froitoso de Braga, entre outros. Porén, foron dúas personalidades as que perfilaron o monacato occidental: Xoán Casiano, no s V, e san Bieito, no s VI. O primeiro fundou un mosteiro en Marsella e san Bieito iniciou coa súa regra un movemento que perdura ata os nosos días. Aínda que despois deles apareceron algunhas regras novas como a de Cesáreo de Arles, a de Bieito foise impoñendo pouco a pouco en todo Occidente, sobre todo, tras a reforma de Bieito de Aniana. No s IX naceron movementos para endereitar a vida monástica que caera na relaxación, Cluny e Camáldula, e no s XI xurdiu Cîteaux, que deu orixe aos bieitos brancos (cistercienses e trapenses). No mesmo século, san Bruno de Colonia, xa fóra da regra bieita, fundou a orde dos cartuxos. A Reforma suprimiu todos os mosteiros dentro do seu ámbito pero rexurdiron algunhas comunidades monásticas. En Oriente, onde a tradición tamén continuou moi rica (Saba, Evagro o Escolástico, Teodoro Estudita, Simeón o Novo Teólogo), impúxose xeralmente a forma de comunidade basilea baixo un hegúmeno; a anacorese foise despregando, regulada por unhas normas que impoñían primeiro unha longa proba de obediencia nunha comunidade. Porén, os mosteiros non seguían unha regra determinada, senón que tomaban de guía un conxunto de textos monásticos de acordo coa tradición de cada casa. O período entre os ss X e XIV foi de grandes fundacións, entre as que, en 963, se iniciou o Gran Laura do monte Athos. O s XIV foi unha época de renacemento relixioso no Oriente cristián, con figuras como Gregorio Palamas. O monacato hindú tivo desde antigo dous tipos de monxes: os ermitáns (vanaprastha), sedentarios que habitaban nas fragas, e os ascetas (sramana), errantes e mendicantes. Os monxes ascetas, algúns dos que a partir do s VIII fundaron ordes monásticas semellantes ás occidentais, adoitaban xuntarse en ashrams. O monacato budista iniciouse co propio Buda no s V a C en India; desde alí pasou a China no s I e a Xapón no s VI, e despois estendeuse por todo Extremo Oriente. O monxe budista era un asceta (sramana) que deixaba as obrigas e as comodidades da vida laica e se daba á austeridade e ás prácticas aprendidas polos mestres da secta á que pertencía. Inicialmente, os monxes eran mendicantes (bhisu), errantes e célibes, dados á meditación e a outros exercicios relacionados co ioga, co fin de purificar o pensamento e de pacificar as paixóns para achegarse progresivamente ao nirvana. En todos os países do seu ámbito, os monxes non tiveron unha grande influencia na sociedade, non sendo o lugar esencial que ocupan na vida relixiosa, como acontece en Tibet.
    O monacato galego
    O desenvolvemento do monacato no noroeste peninsular iniciouse no s V e intensificouse a partir do s VI coa fundación do mosteiro de Dumio (Braga) por san Martiño de Dumio, cunha intensa influencia do monacato oriental. Esta fundación resultou fundamental para a conversión do Reino Suevo ao catolicismo e a organización dunha igrexa nacional. Neste século produciuse a hipotética penetración do monacato irlandés, que fundou o mosterio de Máximo en Britonia, preto de Mondoñedo. No período visigodo, na segunda metade do s VII, desenvolveuse unha importante corrente monástica ao redor de san Froitoso de Braga, membro dunha destacada familia vinculada aos monarcas. Desde a súa primeira fundación, o mosterio de Compluto, no Bierzo, creou unha confederación monástica integrada polos diversos mosteiros que fundou no noroeste. En cada unha destas comunidades, sometidas a unha regra común e rexidas por un abade, os monxes tiñan unha serie de obrigas e dereitos que se especificaban nun pactum que asinaban ao entrar no mosterio. Estas peculiaridades do monacato galego, baseado no pactum e federativo, prolongáronse durante os séculos seguintes, chegando a estenderse por Castela durante a expansión cara ao sur. A figura de san Rosendo, membro da familia real de León e bispo de Mondoñedo e Dumio, marcou a introdución da influencia cluniacense no noroeste, malia que tivo que transixir co sistema autóctono do pactum. Pero na fundación do mosteiro de San Salvador de Celanova, consagrado en 942, estableceuse a Regula Benedic22ti, que se caracterizaba pola entrega incondicional do monxe ao mosterio e por estar sometido á obediencia unilateral do abade. A persistencia do sistema do pactum en Galicia e o N de Portugal mantívose no s XI e a comezos do s XII. A orde de Cluny, que recibiu o cenobio de Vilafrío en 1075 e instalouse despois en San Vicente de Pombeiro (1109) e Xubia (1113), foi desprazada polos cistercienses, defensores da volta á regra beneditina, que tiñan o apoio de Afonso VII. O Císter, que se instalou en Sobrado a partir de 1142, emprendeu un intenso labor de colonización agrícola no que, a partir dos seus mosteiros, decruaban terreos baldíos e establecían novas granxas, ao tempo que estendían a súa presenza por vilas e cidades. As ordes mendicantes, dominicanos e franciscanos, instaláronse en Galicia a comezos do s XIII e caracterizáronse por unha clara vocación urbana. A finais da Idade Media produciuse o deterioro do monacato en Galicia, froito do sometemento do Císter ao dominio dos encomendeiros e da dexeneración na disciplina das ordes mendicantes. A reforma monacal realizada polos Reis Católicos nos mosteiros galegos, referendadas por sendas bulas papais (1484 e 1497) e completada no s XVI, suprimiu os pequenos mosteiros rurais e eliminou a libre dispoñibilidade de bens dos mosteiros, polo que os beneficios pasaban aos mosteiros unificadores: a Congregación de Valladolid para os bieitos e a Congregación Cisterciense de Castela para o Císter. Esta reforma procuraba romper os lazos de sangue que existían entre os abades e as familias fidalgas locais. No Antigo Réxime os grandes mosteiros, que mantiveron o dominio do mundo rural e percibían ingresos regulares das rendas forais e do décimo, reinvestiron estes na reconstrución ou ampliación dos mosteiros no estilo barroco. Porén, xa desde mediados do s XVII, mantiveron enfrontamentos, tanto coa nobreza polos foros, coma cos servos polo incremento nas rendas e impostos. Esta tensión transformouse nun problema no contexto de crise agraria desde finais do s XVIII. Desde comezos do s XIX as Cortes de Cádiz e as posteriores desamortizacións, apoiadas polas leis do marqués de Mendizábal e Pascual Madoz, destruíron os bens do monacato galego. Ao mesmo tempo a lei de limitacións de casas relixiosas e, no período 1835-1840, a supresión total que afectou ás comumidades relixiosas masculinas de monxes, provocou a desaparición das ordes monásticas. Despois da firma do Concordato (1851) algunhas ordes, como os dominicanos, os franciscanos, os mercedarios e os xesuítas, volveron establecerse en Galicia, pero a volta dos beneditinos a Samos e dos cistercienses a Oseira non se produciu ata a década de 1920. OBS: Tamén se denomina monaquismo.

  2. s m [RELIX]

    Institución monástica.

    Sinónimos: monaquismo.

Palabras veciñas

mona | Mona, paso de | monacal | monacato | Monachil | Monaci, Ernesto | monacita