Conxuga
Publicación editada en Santiago de Compostela en 1988 e subtitulada “Revista do Consello da Xuventude de Galicia CXG”. Coordinada por Esteban Paz, contaba cun consello de redacción formado por María Rivas, Xabier Canosa, Paula Bergantiños, Carlos Castiñeiras, Antón Grandal e Margarita Costas, entre outros. Dividiuse nas seccións: “Editorial”, “Cartas ao Consello”, “Actualidade”, “Entrevista”, “Actividades das entidades”, “O Consello por dentro”, “Revistas recibidas”, “Banda deseñada” e “Lembranza”. Incluía información sobre partidos políticos, sobre a inserción laboral das mulleres no mercado de traballo, a homosexualidade e as campañas de prevención da SIDA, a Formación Profesional en Galicia, o asociacionismo e os problemas da comunidade xitana, ademais de entrevistas a distintos persoeiros da vida pública galega.