coñecemento

coñecemento

(< coñecer)

  1. s m

    Acción e efecto de coñecer ou coñecerse.

    Ex: Non tiña coñecemento dese asunto tan turbio.

  2. [FILOS]
    1. s m

      Función e acto da vida psíquica que se caracteriza polo seu carácter representativo e, no caso do coñecemento humano, obxectivo. Pódese falar de coñecemento sensitivo ou sensible e de coñecemento intelectivo ou intelectual, propiamente humano.

    2. s m

      Función e acto intelectuais, mediante os que o suxeito aprehende o obxecto ou o establece como tal, ao recoñecelo como unha realidade en si. Tradicionalmente, o feito cognoscitivo definiuse como a unión intencional de obxecto e suxeito, interpretados como dimensións diferentes do real; a filosofía actual, pola contra, viu o coñecemento como a actuación da capacidade que o suxeito ten de establecer dentro da dimensión do real unha diferenza e unha contraposición entre el mesmo e calquera outra realidade, e ao mesmo tempo establecela como unha realidade en si e obxectiva. Todo sistema ou concepción filosóficos dependen da teoría do coñecemento que teña implícita. Como actitudes filosóficas de importancia ante o problema cognoscitivo, pódese distinguir o realismo, o escepticismo, o agnosticismo, o criticismo e, sobre todo, o positivismo, condicionados polo criterio de verdade que se establece e o grao de certeza do coñecemento.

    3. teoría do coñecemento

      epistemoloxía.

  3. s m

    Facultade que ten unha persoa de percibir e de relacionarse co mundo que o rodea.

    Ex: Perdeu o coñecemento despois de recibir a noticia.

    Confrontacións: consciencia.
  4. s m

    Todo aquilo que se coñece sobre un saber, ciencia ou materia. OBS: Normalmente, emprégase en plural.

    Ex: Os seus coñecementos dese campo son moi reducidos.

  5. s m [DER]

    Exame xudicial das actuacións.

  6. [DER]
    1. s m

      Documento que o capitán dunha nave asina e remite ao armador, polo que recoñece as mercadorías cargadas e as condicións do transporte.

    2. coñecemento aéreo

      Documento que acredita o libramento da mercadoría a un empresario encargado de facer o seu transporte por este medio, onde están sinalados o contido e as condicións.

  7. coñecemento de fe [RELIX]

    Coñecemento que, en virtude da revelación e no ámbito da fe, o crente ten respecto a Deus e ao misterio de salvación. A teoloxía católica, mantendo o carácter revelador das verdades de fe, insiste na necesidade dunha razón (comprensión obxectiva e, ata certo punto, racional por parte do home) do contido da revelación. Neste sentido fálase dunha fides quarens intellectum (unha fe que achega unha comprensión humana dos seus contidos) ou tamén do coñecemento por connaturalidade que a mesma fe suscita no crente.

  8. [LING]
    1. coñecemento lingüístico activo

      Capacidade de produción da lingua falada e escrita que ten unha persoa. Tamén se denomina coñecemento lingüístico produtivo.

    2. coñecemento lingüístico pasivo

      Capacidade que ten unha persoa de comprender a lingua falada e escrita doutra ou doutras. Tamén se denomina coñecemento lingüístico receptivo.

  9. coñecemento previo [PEDAG]

    Coñecemento do que dispón un alumno á hora de iniciar a aprendizaxe doutro coñecemento relacionado co que xa ten.

Refráns

  • Anque vou e veño, ben sei o que ao lume teño.
  • Cada cal fala daquilo que trata.
  • Cada un sabe ben onde lle manca o zapato.
  • Cada un sabe onde lle manca o seu zapato.
  • En longos camiños coñécense os amigos.
  • Fai o que saibas, para que en todas partes caibas: que o que sabe, en tódolos lados cabe.
  • Mal coñecerás a quen nunca viches nin verás.
  • O ouro e o home, en tocándoo, logo se conoce.
  • Poucos hai que se coñecen e moitos que se descoñecen.
  • Se queres saber quen es, pregúntallo o teu veciño.

Palabras veciñas

condutus* | Condylis, Georgios | coñecedor -ra | coñecemento | coñecer | coñecer | coñecible