Cook, Illas
Arquipélago do S do Océano Pacífico formado por quince illas, que constitúe un Estado libre asociado a Nova Zelanda (240,1 km2; 19.103 h [1996]). A súa capital é Avarua, na illa de Rarotonga.
Xeografía
Xeomorfoloxicamente, distínguense dous grupos de illas: as do N (Northern Cook), Manihiki, Penrhyn (ou Tongareva), Pukapuka, Rakahanga, Nassau, Palmerston e Suwarrow, son de orixe coralina e en total suman unha superficie de 28 km2; e as do S (Southern Cook), Rarotonga, Aitutaki, Mangaia, Atiu, Mauke, Mitiaro, Manuae e Takutea, son de orixe volcánica e as máis poboadas. Situadas ao NL de Nova Zelanda, entre o Ecuador e o trópico de Capricornio (8°-23° de latitude S e 155°-170° de lonxitude O), o clima é tropical monzónico. A illa de Rarotonga é a máis extensa, cunha superficie de 67,2 km2. A principal actividade económica é a agricultura (cultívanse cocos, ananases e bananas), aínda que nos últimos tempos se están a desenvolver o sector industrial e, sobre todo, o turístico (48.819 visitantes en 1996). A pesca, aínda que practicada de xeito artesanal, ten tamén unha certa importancia, cunhas capturas de 1.045 toneladas (1997). A maior parte da poboación é cristiá, o 58% protestantes e o 17% católicos. O inglés e o maorí son idiomas oficiais.
Sociedade e goberno
O sistema de goberno baséase no modelo establecido polo estatuto de Westminster e pola Constitución das Illas Cook. O poder executivo exérceo a Raíña Isabel II de Inglaterra como cabeza de Estado das illas, nas que está representada por un high commissioner. Esta autoridade executiva exércena o primeiro ministro e o seu gabinete, e todos eles teñen que ser membros do Parlamento. Este é soberano e só pode promulgar lexislación referida exclusivamente ás illas, aínda que nalgúns casos pode lexislar cuestións extraterritoriais. Está formado por 25 membros e presídeo un speaker. A lexislatura dura 5 anos. A House of Ariki está contemplada na Constitución e fórmana os herdeiros dos xefes (Ariki) das illas. As súas funcións son considerar os asuntos relativos á asistencia da poboación das illas, expresar a súa opinión e facer recomendacións ao Parlamento. Cada illa ten un goberno local. O sistema legal é semellante ao de Nova Zelanda e baséase na common law. A lei suprema é a Constitución, o sistema xudicial comprende a High Court, con xurisdición civil e criminal; a Court of Appeal, onde se sitúan as apelacións contra a High Court; e o Privy Council, localizado en Londres e derradeiro tribunal de apelación. Entre outras organizacións internacionais, é membro do South Pacific Forum, da Pacific Community, do Forum Fisheries Agency (FFA), do South Pacific Regional Enviroment Programme (SPREP), do Asian Development Bank (ADB), da Organización das Nacións Unidas para a alimentación e a agricultura (FAO), da International Civil Aviation Organisation (ICAO), da Organización Mundial da Saúde (OMS) e da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO).
Historia
Os primeiros habitantes das illas foron os polinesios, que chegaron ao redor do 800 d C. Cada illa estaba poboada por diferentes tribos que competían entre si. A primeira illa descuberta polos europeos foi Pukapuka, avistada polo español Álvaro de Mendana en 1595. O español Pedro Fernández de Quirós chegou en 1606 a Rakahanga. Non obstante , os europeos non se estableceron nas illas ata finais do s XVIII. Entre 1773 e 1779, o navegante inglés James Cook explorou e desembarcou no grupo de illas situadas ao sur. Recibiron o nome de Illas Hervey ata 1824, cando unha carta naval rusa denominounas co seu definitivo nome de Illas Cook. Os misioneiros da London Missionary Society, dirixidos por John Williams, instaláronse en Aitutaki a partir de 1821. Estableceron un colexio teolóxico en Rarotonga e, xunto con misioneiros tahitianos convertidos, estenderon unha grande influencia sobre as formas de goberno de cada illa e contribuíron á desaparición do canibalismo. O medo a unha posible compra das illas por parte de Francia, como sucedera en Tahiti, levou aos principais xefes das illas a solicitar ao Reino Unido a creación dun protectorado. En 1881 estableceuse un goberno británico cun Parlamento federal. Nova Zelanda aspiraba a anexionar as illas pero o goberno británico condicionouna a unha serie de aspectos, entre eles que a anexión fose unha petición das propias illas. Finalmente, os dirixentes das illas máis importantes realizaron a petición de anexión en 1901. En 1946 organizouse o Legislative Council, que en 1957 ampliou os seus poderes e tomou o nome de Legislative Assembly. O 4 de agosto de 1965 as illas convertéronse nun Estado asociado con Nova Zelanda.