Cooperativismo e Economía Social

Cooperativismo e Economía Social

Publicación que apareceu en Vigo no ano 1990. Editada pola Aula da Empresa Cooperativa da Escola Universitaria de Estudios Empresariais de Vigo, nos seus inicios estivo dirixida por Santiago Santos Castroviejo e coordinada por Constantino Gago Conde; dende 1996 a dirección compartírona Ana Rosa Lorenzo Vila, Antxon Mendizábal Etxabe e o propio Santos Castroviejo. A partir do ano 2001 dividiuse nas seccións “Doutrina”, “Xurídica”, “Tributaria”, “Movementos sociais”, “Actualidade cooperativa” e “Libros e documentos”. Contan coa colaboración de María X. Cabaleiro, Xosé A. Gómez Segade, Xulio Pardellas, Uxío Labarta, Pablo Sande, Anne Haire, Antón Vaamonde, Xulio Ríos e Francisco Sineiro, entre outros. O seu obxectivo é o debate e a promoción das sociedades autoxestionarias de Galicia, e inclúe artigos nos que se analizan diferentes aspectos do cooperativismo, como os referentes ás leis, á situación social e política, aos rexistros de cooperativas, etc, en diferentes eidos do sector industrial.