Copán, ruínas de
Parque arqueolóxico maia situado no departamento de Copán, Honduras, preto da fronteira con Guatemala. As súas ruínas, con monumentos arquitectónicos e importantes grupos escultóricos, corresponden á época clásica da cultura maia (250-900). A estrutura principal ocupa máis de 30 ha e consta dunha acrópole e de cinco prazas. Pódense observar os distintos niveis arqueolóxicos grazas aos cortes que deixou o río Copán ao seu paso. Consérvanse templos decorados con esculturas e altorrelevos, pirámides e terrazas. Destacan a escaleira dos xeroglíficos, que dá acceso a unha construción piramidal e que conserva un xogo de pelota, e a escaleira dos xaguares, con grandes esculturas que representan a estes animais. A cidade dedicouse ás investigacións astronómicas, segundo se deduce das estelas, dos monolitos dos seus templos e da existencia de observatorios astronómicos. As estelas sitúanse sobre altos baseamentos e adoitan representar sacerdotes cubertos de fastuosos vestidos e toucados. Acháronse, entre outros restos, cerámicas e obxectos de xade. A cidade despoboouse no s IX. Foron declaradas Patrimonio Cultural da Humanidade pola UNESCO en 1980. Na entrada do parque creouse un museo coa estrutura adaptada ao seu contorno.