Copenhaguen
Capital do estado de Dinamarca, no estreito de Sound, na rexión de Sjaelland (491.082 h [1999]). Constitúe un amt independente e cumpre as funcións de capital do amt homónimo. O clima é temperado, cunha temperatura media en inverno de 1°C e en verán de 16°C. É un gran centro comercial e o primeiro porto do país, dende onde se exportan cereais e produtos lácteos, e se importa carbón, petróleo e materias primas. As industrias máis importantes son os estaleiros, o sector químico, o téxtil, o da fabricación de reloxos e o do tabaco. Destaca a elaboración de porcelana e louza de prata forxada a man. Porto do comercio dinamarqués, é a ponte entre Europa central e Escandinavia. Núcleo industrial, sobresae tamén polas actividades terciarias e o turismo. Ten varios centros de ensino superior: a Universidade de Copenhaguen, fundada en 1479; a Universidade de Veterinaria e Agricultura, de 1856; e a Universidade Politécnica de Dinamarca, de 1829. Orixinariamente, Copenhaguen foi un pequeno núcleo de pescadores e debe a súa existencia ao bispo de Roskilde, Abxalom, que a fortificou en 1167. Pola súa situación na entrada do Báltico, ten un importante papel como centro comercial. En 1443 converteuse en residencia da corte e capital de Dinamarca. Entre os ss XIII e XVI houbo de facer fronte a diversos ataques da liga hanseática, pero despois de vencer a Lübeck en 1536, conseguiu monopolizar o tráfico do Sund. Foi asediada polos suecos no transcurso das dúas guerras do norte (1658-1659 e 1700). Durante o s XVIII dominou o comercio báltico, apoiada nunha poderosa banca e nas compañías de comercio. A mediados do s XIX converteuse nun importante núcleo industrial. Durante a Segunda Guerra Mundial, tivo que soportar a ocupación nazi entre 1940 e 1945. O núcleo antigo da cidade sitúase ao redor do castelo construído polo bispo Abxalom na illa de Slotsholm, onde se localizan o palacio de Christiansborg, a Bolsa, construída entre 1620 e 1640 en estilo barroco, e a Biblioteca Nacional. Na mesma illa destacan tamén o palacio de Charlottenborg (s XVII) e o Museo Thorwaldsen, dedicado a este escultor. Entre as construcións relixiosas destacan as igrexas do Santo Espírito (s XIV), San Pedro (s XIV) e da Trindade (s XVII), e a catedral de Nosa Señora (s XII). No eido da arquitectura civil sobresaen o palacio de Rosenborg, a Torre Redonda (s XVII), o palacio real de Amalienborg (s XVIII) e a casa do concello (s XIX). No paseo xunto ao mar destaca a estatua da sereíña, obra de Eriksens (1913), símbolo da cidade. Entre outras institucións museísticas destacan o Museo Nacional, o Museo da Liberdade e o Museo de Belas Artes.