Coral Casablanca do Círculo Mercantil
Conxunto vogal fundado en 1957 no convento dos Padres Capuchinos, pertencente ao barrio vigués de Casablanca, e integrada no Círculo Mercantil e Industrial de Vigo en 1967. O seu director fundador foi o Padre Javier de Madrid, quen cedeu a batuta a Francisco Rey Rivero ata 1988. En 1989 incorporáronselle a coral A’Marosa, os pianistas Cristina e Guillermo García Lomba e o director Óscar Villar Díaz. Entre as direccións invitadas destacan Nino Bonavolonta, Zenaida Castro Romeu, Rogelio Groba, Maximino Zumalave e Enrique García Valls. Dadas as súas características, ao redor de 95 voces mixtas, cultivou o xénero operístico e a zarzuela, e o seu repertorio abarca ademais panxoliñas, habaneras e música popular galega. Traballou a técnica vogal con Zenaida Castro Romeu, Tatiana Sajarova, Montserrat Pueyo e Manuel Cabero, e actuou con destacados solistas do bel canto como Giuseppe Giacomini, Pedro Lavirgen, Santiago Sánchez Jericó, Ignacio Encinas, Anne Marie Antoine, Gabriel Vivas, Pilar Torreblanca, Josefina Meneses, Eduardo del Campo, Mario Ferrer ou Sergio de Salas. Entre os seus concertos sobresaen os celebrados no Palau de la Música Catalana, nas catedrais de Bruxelas e Lorient, no Teatro Comunale de Estrasburgo, no Festival Internacional de Bakio, no Festival Internacional de Cantonigrós e nos XX Memoriales Camilo Veiga de Ópera e Zarzuela. Entre outros galardóns recibiu o I Premio de Polifonía de Torrevieja, o I Premio da Dirección de Radiotelevisión Española, o I Premio das Corais Galegas de Santiago de Compostela, o Premio de Honra da Fundação Calouste Gulbenkian de Portugal, o Premio Reconquista de Vigo (en tres ocasións), a Medalla do Festival Celta de Lorient, a Medalla da Casa de Galicia de Barcelona e dende 1998 posúe o título de Vigueses Distinguidos, outorgado polo Concello de Vigo. Da súa discografía destaca As cantigas da terra e do mar (1995) e Canticorum Jubilo (1996).