Coral Polifónica de Betanzos

Coral Polifónica de Betanzos
[MÚS]

Agrupación coral fundada polo seu director Manuel López Castro en 1969. Legalmente está constituída como Asociación Cultural e subvencionada por entidades públicas e privadas, e, paralelamente, realiza unha intensa actividade cultural ao organizar exposicións, conferencias e certames literarios. Na súa primeira actuación presentouse con 72 compoñentes e o seu número variou co tempo, cunha media de 50 voces. O seu repertorio abrangue obras polifónicas, música sacra, habaneras, espirituais negros e música do Nadal. Destaca a súa actuación no concerto anual Ciudad de Betanzos, que se celebra co gallo das festas patronais o 13 de agosto en colaboración con outras agrupacións musicais da localidade. Realizou numerosas actuacións en Galicia e fóra dela (Astorga, Madrid, Salamanca, Santurce e Castro Urdiales). O 18 de maio de 1973 participou, xunto coa Coral Polifónica Follas Novas e a Orquestra do Conservatorio da Coruña, na estrea mundial da Cantata Nova Galicia, de Rogelio Groba; en 1978 cantou unha misa na catedral de Notre-Dame en París; e en 1991, entre os concertos que ofreceu en Italia e no Vaticano, destaca a misa maior cantada na Basílica de San Pedro e o concerto na igrexa de Santo Ignacio de Roma. Actuou en TVE e TVG en diversas ocasións e realizou gravacións para Radio Nacional de España, Radio Galicia, Cadena SER e Radio Betanzos. Da súa discografía destaca unha gravación de 1979 con pezas da polifonía galega. Entre outros galardóns, obtivo a Medalla de Prata da cidade de Betanzos, o título de Garelo do concello de Betanzos e a Alubia de Oro do concello de La Bañeza (León).