Coral Polifónica de Vilaxoán

Coral Polifónica de Vilaxoán
[MÚS]

Agrupación fundada en 1962 baixo a dirección de Máximo Patiño Méndez, tivo a súa presentación o 1 de maio de 1963 na Atlántida (Vilaxoán). Conta con 35 compoñentes e o seu repertorio abrangue todo tipo de partituras: polifonía clásica e relixiosa, música gregoriana e folclore galego e universal. Á parte de solemnizar diversas celebracións litúrxicas, colabora coa Casa da Cultura de Vilagarcía e coa de Vilaxoán, así como cos Amigos da Cociña Galega. Así mesmo, organiza, promove e copatrocina o Concurso Popular de Villancicos de Vilaxoán, e o director dirixe o espectáculo Vilaxoán Canta, no que todo o pobo se reúne e canta conxuntamente coa coral na praza pública. Realizou máis de 750 actuacións e tivo sempre como norma non tomar parte en actos de carácter competitivo. Participou, entre outros certames, no Festival Internacional Hispano-Venezolano, nas V e X Xornadas de Folclore Galego, nas Xornadas Irmandade Corais Galegas, en diversos circuítos da consellería de Cultura da Xunta de Galicia e en diversas ocasións na RTVE-Galicia e TVG.