Cordeiro, Santa Comba de
Igrexa parroquial situada en Valga. Baixo o nome de Santa Comba de Louro foi cabeza da antiga xurisdición de Cordeiro, que sufriu as invasións normandas pola súa proximidade ás Torres do Oeste. Antano foi un mosteiro de monxas fundado no s X polos condes Menendo e Tonda. En 1028 pertenceu a Vermudo III e, posteriormente, don García doouno á igrexa compostelá. Ao disolverse a comunidade de monxas, instalouse nas súas dependencias unha comunidade de cóengos regulares, polo que a igrexa acadou a categoría de colexiata. En 1478 anexionouse á colexiata de Iria por mandato de Alonso III de Fonseca. Consérvase a igrexa de estilo barroco con influencias neoclásicas (1733-1734). Realizouna o mestre Xoán Fontenla segundo a traza de Antón Barros. Ten planta de cruz latina, ábsida rectangular e cóbrese con bóvedas de medio canón. No interior destaca o altar maior, trazado por Xosé Bieito Malvárez e realizado por Alexandre Nogueira. As imaxes orixinarias deseñounas Xosé Gambino.