Córdoba
Capital da provincia homónima, na Comunidad Autónoma de Andalucía (306.248 h [1996]). Está situada á beira do río Guadalquivir que divide a cidade en dúas partes, ao N a serra de Córdoba e ao S a campiña cordobesa, rodeada de montañas que forman parte do Sistema Bético. É un importante centro comercial de aceite e cítricos; ademais, conta cunha importante industria que constituíu o motor da súa economía, principalmente o sector téxtil, a fabricación de maquinaria, a metalúrxica, a industria madeireira e a cervexeira. O turismo tamén é salientable, xunto coa extracción de carbón, prata, chumbo e cinc. A cidade, situada antigamente nunha encrucillada sobre a Via Augusta, conserva no núcleo central as características urbanas da época musulmana, aínda que creceu en todas as direccións. É sé episcopal, dispón de universidade (1972) e é un importante nó de comunicacións. De orixe ibera, a súa fundación atribúeselle aos cartaxineses. No 169 a C, Claudio Marcelo estableceu a colonia romana de Corduba, que se converteu na capital da Bética e nun centro comercial e cultural. A finais do s VI disputárona os visigodos e os bizantinos. Ocupada polos árabes no 711, converteuse na capital de Al-Andalus no 716, do emirato independente no 756 e do califato no 929. Nesta época gozou dun grande esplendor político e cultural. Conquistada no 1236 por Fernando III o Santo, serviu de bastión contra os sarracenos de Granada. Os seus habitantes dedicáronse ao comercio de la con Castela. Durante o s XVII padeceu a crise económica xeral, as fames e a peste. No s XVIII viviu unha notable recuperación, pero logo foi saqueada (1808) e ocupada (1810-1812) polos franceses. Durante os ss XIX e XX produciuse un gran desenvolvemento demográfico ao recoller unha gran cantidade de inmigrantes procedentes do éxodo rural. Os vestixios da Córdoba romana están localizados na zona arqueolóxica de Cercadilla, onde as escavacións amosaron un complexo arquitectónico datado entre os anos 293 e 305, constituído polo palacio do Emperador Maximiano Hercúleo, no que destacan os restos da Aula Central e da Trichora Norte. Consérvase tamén un mausoleo do s I, unha ponte e un templo da época dos Flavios. Das primitivas murallas romanas e árabes, reconstruídas polos reis cristiáns, consérvanse algúns lenzos. A época de dominio musulmán constituíu un dos períodos de maior esplendor artístico da cidade. O monumento árabe máis significativo é a mesquita, convertida en catedral cristiá no s XVI. No barrio xudeu sitúase a sinagoga, construída no ano 1315 da era cristiá (ano 5075 do calendario xudeu) baixo a dirección de Isaq Moheb en estilo mudéxar. Outras construcións relixiosas destacables son as igrexas de San Nicolás de la Villa (ss XV-XVI), San Lorenzo (s XIII) e San Agustín (ss XV-XVI). No eido da arquitectura civil destacan o Alcázar de los Reyes Cristianos, construído en estilo gótico pola orde de Afonso XI, o palacio renacentista dos Páez, sede do Museo Arqueológico Provincial, o antigo Hospital de la Caridad, sede do Museo de Bellas Artes e do Museo Julio Romero de Torres, a casa das Bulas, sede do Museo Taurino, a torre musulmá da Calahorra, o palacio de Viana (s XIV) e o palacio de la Merced (s XVII). Característicos da cidade antiga son os seus patios, mostra da riqueza floral e botánica da zona. Os doce patios, entre os que figuran os de Recibo, del Pozo e del Invernadero, e o Jardín de Viana, foron declarados xardíns históricos. A UNESCO declarou Patrimonio da Humanidade o núcleo antigo da cidade e a mesquita (1984). A uns 6 Km da cidade localízanse as ruínas da cidade árabe de Medināt al-Zahrā’.