Cordón Bonet, Faustino
Bioquímico e teórico da evolución. Logo de licenciarse en Farmacia pola Universidad Central de Madrid, exerceu como profesor de química orgánica na mesma universidade. Durante a Guerra Civil encargouse do armamento destinado á defensa de Madrid. Unha vez rematada a contenda, pasou quince meses no cárcere. En 1941 comezou a traballar nos laboratorios Zeltia de Porriño baixo a dirección de Fernando Calvet, con quen descubriu a estreita conexión entre a ciencia experimental e o pensamento evolucionista no estudo da natureza. En 1945 vinculouse aos laboratorios IBYS de Madrid, nos que dirixiu dende 1956 o departamento de investigación. Entre 1967 e 1969 foi profesor invitado na Universidad de Puerto Rico. Ao seu regreso a Madrid fundou o Instituto de Biología Aplicada, centro que dirixiu ata 1977, e posteriormente, a Fundación para la Biología Evolucionista, que dirixiu dende 1978. Os resultados das súas investigacións levárono a formular a teoría dos niveis de integración evolutiva. Así, entre 1970 e 1979, consagrouse ao estudo da orixe, natureza e evolución do nivel protoplásmico, e entre 1980 e 1990, ao do nivel celular, do que estableceu as principais etapas evolutivas. Unha vez sistematizado o nivel celular, a partir de 1990 centrouse na investigación da orixe da célula autótrofa e das etapas posteriores da evolución celular. Publicou, entre outros libros, Inmunidad y automultiplicación proteica (1954), Introdución al origen y evolución de la vida (1958), La evolución conjunta de los animales y su medio (1966), Tratado evolucionista de biología (1978-1994), La naturaleza del hombre a la luz de su origen biológico (1981) e Historia de la bioquímica (1997).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Madrid -
Deceso