Corea, República Democrática Popular de

Corea, República Democrática Popular de
Nome científico: [nome oficial coreano: Choson Minjujuui In’min Konghwaaguk]

Ou Corea do Norte Estado de Asia Oriental que ocupa a parte setentrional da península de Corea e un sector continental. Limita ao N cos ríos Yalu (Amnok) e Tumen (Tuman), que a separan de China e Rusia, e ao S, pola liña de demarcación establecida ao redor do paralelo 38°, coa República de Corea (122.762 km2; 23.348.000 h [1998]). Esténdese entre os 43°-38° de latitude N e os 124° e 131° de lonxitude L. A capital é Pyeongyang.
Xeografía física

Relevo, hidrografía e climatoloxía
O relevo de Corea do Norte caracterízase por ser moi accidentado, con profundos e estreitos vales. O sistema montañoso ten unha dirección NO-SL, no que destaca a aliñación de Nangnim-sanmaek. O cumio máis importante é o monte Paektu (a 2.744 m de altitude), na fronteira con China. As chairas ocupan unha quinta parte do país e localízanse, sobre todo, na costa occidental. Case todos os ríos discorren en dirección O, cara ao Mar Amarelo. O río máis largo é o Yalu, que forma parte da fronteira con China. Tamén destacan os ríos Taedong e Ch’ōngch’ōn. O clima é continental, con veráns cálidos e invernos fríos. A temperatura media do mes de xullo é de 24,4°C, e a de xaneiro de -3,9°C. A precipitación media anual é de 1.000 mm e concéntrase, fundamentalmente, nos meses de verán. O manto forestal ten unha grande extensión, con tupidos bosques de coníferas que cobren unha gran parte da área montañosa.
Xeografía económica

Economía
Co establecemento da República Democrática Popular de Corea nacionalizouse toda a industria e colectivizouse a agricultura. Os plans económicos centráronse no desenvolvemento da industria pesada e na mecanización da agricultura. O primeiro plan (1971-1976) recuperou o desenvolvemento económico. O plan de 1978-1984 puxo o seu acento no incremento do comercio exterior, dirixido tradicionalmente á URSS e a outros estados socialistas, pero tamén a Xapón. Un aspecto negativo foi a fuxida cara a Corea do Sur, nos anos oitenta, duns cinco millóns de habitantes. A importante diminución da taxa de crecemento económico en 1990 foi o resultado da caída do comercio co bloque soviético. Na década de 1990 implantáronse reformas económicas encamiñadas ao desenvolvemento da agricultura e da industria lixeira, por mor da espectacular caída da industria pesada. Deixou de recibir as axudas da URSS e China, e, como consecuencia, en catro anos descendeu o PIB á metade. A partir de 1994 o goberno presentou unha certa apertura cara ao mercado exterior para tratar de paliar a crise económica. As catástrofes naturais de 1995-1996 agravaron aínda máis a situación económica. A débeda externa en 1997 era de 11.900 millóns de $ USA. A inflación é do 5% (1996), cun PIB por habitante de 970 $ USA (1996). A poboación activa é de 12.132.000 (1998). A moeda oficial é o won norcoreano.
Recursos e sectores de actividade
A situación do territorio ao L, coas conseguintes condicións climáticas, só permiten o cultivo do 20% das terras. A reforma agraria colectivizou o solo no ano 1954 e formou 13.309 cooperativas. En 1970, o 90% do solo cultivábano as cooperativas. A mecanización, o regadío e a roturación de terras a grande escala incrementou a rendibilidade dos cultivos. O arroz é o produto agrícola máis importante, seguido polo millo, as patacas, as mazás, o trigo e a soia. A gandería porcina, con 1.600.000 cabezas, é a máis destacada, seguida da cabrúa (1.200.000 cabezas) e da bovina (500.000 cabezas). A minería é un sector importante da economía; os esforzos concéntranse en explotar os novos depósitos. O eixe da minería foi a extracción de ferro e carbón, que, a finais da década dos oitenta, alcanzou unha produción de 5.100.000 t e 70.400.000 t, respectivamente. Outros minerais importantes son o magnesio e o cinc. As industrias máis desenvolvidas son a téxtil, a siderúrxica (Songming e Musan), a metalúrxica (Namp’o e Tangcheon), a química, a do cemento e a metalúrxica de transformación. En cambio, do mesmo xeito que ocorreu en Corea do Sur, apareceu unha industria nova, a do armamento. Corea do Norte ten unha flota pesqueira moderna formada por 171 unidades (1999). As principais capturas son o atún e o bocarte, e o principal porto pesqueiro é Namp’o. A navegación fluvial tamén é moi importante, especialmente no río Yalu.
Comercio exterior
O comercio exterior presenta un signo deficitario. O valor das exportacións acadou en 1993 os 910.000.000 $ USA; os seus principais clientes son Xapón e a antiga URSS. Entre os principais produtos de exportación figuran o arroz e os minerais. En cambio, as importacións chegaron aos 1.397.000.000 $ USA no mesmo ano; os seus provedores son China e a antiga URSS. Os principais produtos de exportación son o petróleo e a maquinaria.
Xeografía humana

Demografía
O crecemento natural sitúase no 17,2‰ (1996), cunha taxa de mortalidade infantil bastante alta (52%[1997]) e un índice de natalidade do 22,5‰ (1996). A esperanza de vida é de 69 anos para os homes e 75 para as mulleres.
Poboamento
A densidade de poboación é moi elevada (193 h/km2 [1993]), aínda que as maiores concentracións están nas chairas das terras baixas do O. A poboación é predominantemente urbana (62% [1997]). Os principais núcleos de poboación son Hamheung (709.730 h ([1993]), Cheongjin (582.480 [1993]), Weonsan (300.148 h [1993]) e Sariweon (254.146 h [1993]).
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
Malia a dominación chinesa e xaponesa, destaca a homoxeneidade étnica e cultural de Corea do Norte, xa que os coreanos representan o 99,8%; o 0,2% restante intégrano as reducidas comunidades chinesa e xaponesa. A lingua oficial e única é o coreano. As leis coreanas, de inspiración marxista, prohiben os cultos relixiosos; aínda así, practícase o confucianismo e o budismo.
Desenvolvemento humano
A ONU non publica o Indicador de Desenvolvemento Humano para Corea do Norte, polo que non é posible ofrecer unha estimación do seu desenvolvemento humano. Non obstante , coñécense algúns dos índices que o integran, como a esperanza de vida no nacemento, que é de 70,7 anos (estim 2000), e o índice de alfabetización de adultos, que é do 95% (1992) da poboación.
Goberno e política
Dende 1910 estivo baixo soberanía xaponesa e, trala Segunda Guerra Mundial (1945), foi ocupado pola Unión Soviética. Este país estableceu, primeiramente, un mando militar e logo substituíuno por un Comité Popular Provisional, encargado de fundar o Chõson Nodongdang (CND, Partido dos Traballadores de Corea). O 3 de setembro de 1948 King Il-sung, coñecido como o Gran Líder, accedeu á secretaría xeral do Comité Central do CND e asumiu o poder político de Corea do Norte ata o 8 de xullo de 1994, data da súa morte. Logo dun período de interinidade (8.7.1994-5.9.1998), Kim Jong Il, coñecido como o Querido Líder, fillo do líder anterior, asumiu a presidencia da Comisión Nacional de Defensa (o máximo órgano de goberno da República), a secretaría xeral do Comité Central do CND e a xefatura das Forzas Armadas. A Constitución, adoptada en 1948, foi completamente modificada o 27 de decembro de 1972 e de novo reformada en abril de 1992 e setembro de 1998. Coa reforma constitucional de 1972 creouse o cargo de presidente da República; sen embargo, trala morte de King Il-sung, esa institución do Estado quedou baleira. Trala revisión constitucional de 1998, o poder executivo recaeu no presidente eterno (King Il-sung); o presidente da Comisión Nacional de Defensa; o presidente do Presidium da Asemblea Suprema Popular; o presidente do goberno, elixido pola Asemblea Suprema Popular; e o Naegak (Consello de Ministros), que tamén é elixido pola Asemblea Suprema Popular, agás o ministro de Defensa, nomeado polo comité Central do CND. O poder lexislativo correspóndelle ao Choe Ko In Min Hoe Ui (Asemblea Suprema Popular), composta por 687 membros elixidos para un período de cinco anos sobre a lista única, a da Fronte Democrática para a Reunificación e a Patria. O sistema xudicial está baseado nas leis civís alemanas con influencias xaponesas e na teoría legal comunista. O máximo tribunal de xustiza é a Corte Central, constituída por maxistrados elixidos pola Asemblea Suprema Popular. Non acepta a xurisdición da Corte Internacional de Xustiza da Haia. Está en vigor a pena de morte. Segundo informes elaborados por Amnistía Internacional, son varios os milleiros de presos políticos que continúan recluídos; ademais, as dificultades económicas provocaron o deterioro das condicións dos reclusos e a grave escaseza de alimentos para os presos. Ademais, debido aos obstáculos e ás restricións que lles impón o goberno ás investigacións independentes en materia de dereitos humanos, suponse que permanecen ocultas numerosas violacións deses dereitos. A crise alimentaria, que comezou en 1995 cun problema xeneralizado de falta de abastecementos, provocou masivos movementos de poboación que foron duramente castigados polas autoridades norcoreanas. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos (PIDCP) e Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais. O partido político máis importante é o Chõson Nodongdang (CND, Partido dos Traballadores de Corea), de inspiración marxista-leninista, que foi fundado en 1948 como partido único. Non obstante , no transcurso dos anos legalizáronse outros partidos que actúan como satélites do CND e que integran a candidatura única á Asemblea Suprema Popular, a Fronte Democrática para a Reunificación e a Patria: o Chõson Sahoeminjudang (Partido Socialdemócrata de Corea) e o Ch’ondogyo Ch’ong-u-dang (Partido Chondoísta Chongu); ademais, están recoñecidas a Unión da Xuventude Traballadora Socialista e a Unión de Mulleres Traballadoras. Administrativamente, o país divídese en nove provincias (do) e en tres cidades (si) especiais (Pyeongyang, Gaesong e Nampo). Mantén un litixio con China por 33 km de fronteira no monte Paektu e con Corea do Sur pola liña de demarcación ao redor do paralelo 38°. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Asociación das Nacións do Sueste Asiático (ANSEA), dende xullo de 2000, e ONU.
Historia

O nacemento da República Democrática Popular de Corea
O 10 de agosto de 1945, logo de declararlle a guerra a Xapón, a URSS penetrou no territorio coreano, onde se instalou ao N da liña de demarcación establecida polo paralelo 38° N. A presenza das tropas soviéticas permitiu emprender un conxunto de reformas políticas e económicas, dirixidas por un comité organizador do futuro partido comunista, onde figuraban o secretario xeral Kim II-sung, defensor das tendencias pro-soviéticas, o líder pro-chinés Kim Tu-bong e o nacionalista Pak Hon-yong. As medidas adoptadas incluían a eliminación dos elementos de carácter moderado ou conservador, a supresión das ordes relixiosas, a confiscación das terras e propiedades pertencentes aos xaponeses, e o comezo da planificación económica. Kim II-sung e Kim Tu-bong fundaron en 1946 un Comité Provisional do Pobo Norcoreano e o Chõson Nodongdang (CND, Partido dos Traballadores de Corea). En 1947 Kim II-sung foi elixido primeiro ministro e o 3 de setembro de 1948 proclamou a República Democrática Popular de Corea. En 1949, logo de acadar a unificación dos comunistas coreanos, Kim II-sung favoreceu a extensión do seu movemento en Corea do S promovendo varias insurreccións. O fracaso deses intentos motivou o ataque das tropas norcoreanas sobre territorio de Corea do S o 25 de xuño de 1950, feito que deu orixe á Guerra de Corea, que se prolongou ata 1953.
A posguerra coreana: a ditadura de Kim II-sung

Despois da Guerra de Corea e trala morte de Stalin (1953), o goberno de Kim II-sung sufriu duros ataques dende a URSS; sen embargo, Kim II-sung mantivo o liderado do CND, fronte a outros líderes como Kim Tubong ou o surcoreano Pak Honyong, e asinou tratados de axuda militar con China e a URSS entre 1954 e 1961. Os plans económico-sociais aplicados en Corea do Norte despois da guerra, baseados na política gobernamental do traballo obrigatorio, promoveron a colectivización agraria e o desenvolvemento das industrias téxtiles e químicas que instalaron os xaponeses durante a súa ocupación. Isto permitiu que o país acadase, á súa vez, un importante desenvolvemento económico, especialmente despois de 1958, grazas á explotación dos grandes xacementos de minerais e á gran produción de enerxía eléctrica. Durante a década dos sesenta, os dirixentes norcoreanos subliñaron o carácter nacional da revolución coreana e mantivéronse independentes fronte ás disputas entre China e a URSS. O crecemento da industria continuou durante esta década, pero produciuse un desfase coas melloras na calidade de vida dos norcoreanos, mentres dende o goberno se emprendía unha postura agresiva contra Corea do Sur. As conversas entre ambas as dúas Coreas deron os primeiros froitos coa declaración conxunta do 4 de xullo de 1972, na que as dúas partes se comprometían nun diálogo para acadar a unificación. Non obstante , as boas perspectivas iniciais diluíronse ao ano seguinte. Adoptouse unha nova Constitución (1972) que introduciu o cargo de presidente da República e, no mesmo ano, a Asemblea Suprema Popular nomeou presidente a Kim II-sung (reelixido en 1978, 1982, 1986, 1990 e 1993). A economía norcoreana viuse afectada pola crise mundial do petróleo a finais dos setenta e comezou a sufrir as consecuencias dunha tecnoloxía obsoleta, mentres o líder Kim II-sung endurecía a súa postura e pechaba o país aos investimentos estranxeiros e á industria privada. No VI Congreso do CND, celebrado entre o 10 e o 14 de outubro de 1980, Kim Jong Il, fillo de Kim II-sung, foi designado oficialmente sucesor do seu pai e nomeado membro do Presidium do Buró Político e da Comisión Militar do Comité Central do Partido. O empeoramento da situación económica levou a Kim II-sung a permitir a creación de sociedades mixtas con compañías estranxeiras, así como a regularización dos mercados agrícolas para que os campesiños puidesen vender os seus produtos; ademais, favoreceu a creación das primeiras zonas de experimentación mercantilista, seguindo o modelo chinés. Dende o goberno norcoreano iniciouse en 1988 unha etapa de rectificación ideolóxica, na que se opuñan aos principios defendidos por Gorbacov e a súa nova política na URSS. A tímida apertura económica, que permitiu a entrada de pequenas cantidades de divisas, non puido contrarrestar a crise provocada pola desaparición das axudas económicas procedentes da URSS e de China.
A sucesión do “Gran líder” King Il-sung e a reconciliación con Corea do Sur
Despois da morte de Kim II-sung (8.7.1994) produciuse un período de inestabilidade e loita pola sucesión e, malia que o seu fillo Kim Jong II foi elixido novo presidente, non recibiu a confirmación oficial ata 1996. O novo ditador coreano tivo que enfrontarse a unha grave situación económica, como consecuencia de moitos anos de mala planificación produtiva e da evaporación das axudas exteriores soviéticas e chinesas. Durante 1995 o país sufriu graves inundacións que, xunto coa seca de 1997, orixinaron unha situación de escaseza de alimentos que obrigou ao goberno a recoñecer a súa incapacidade para alimentar a metade da súa poboación; esta precaria situación, malia a chegada de axuda internacional, orixinou unha gran mortaldade. Durante 1998 Kim Jong II someteu o país á lei marcial e realizou purgas contra os sectores que o criticaban. Na procura dunha saída ao illamento internacional e á profunda crise interior -que provocou, segundo diversas fontes, máis dun millón de mortos-, Kim Jong II iniciou unha serie de contactos internacionais. Os primeiros encontros producíronse entre os ministros de Asuntos Exteriores coreanos en Nova York (5.3.1997) e continuaron con diversos contactos dos norcoreanos cos EE UU (26.11.1997). En decembro de 1997 comezaron as conversas cuadripartitas, nas que participaron ambas as dúas Coreas, os EE UU e China. Os diálogos intercoreanos estiveron marcados pola intransixencia dos norcoreanos e pola alternancia de dous fenómenos opostos: as continuas tensións militares e a multiplicidade de intercambios persoais e conversas pola reunificación. Non obstante , a vontade de reconciliación do presidente surcoreano Kim Dae-jung e dos EE UU permitiu un encontro entre os líderes coreanos en Pyeongyang entre o 13 e o 15 de xuño de 2000. Os presidentes asinaron un Acordo de Reconciliación (14.7.2000) no que deseñaban un conxunto de medidas para incrementar os intercambios económicos e culturais. Os diálogos coas diplomacias de Portugal, Francia e Suecia sobre a seguridade e a cooperación entre as dúas Coreas produciuse o 22 de novembro do ano 2000, e foi seguido de mostras de boa vontade por parte do goberno norcoreano, como o cambio do titular na carteira de comercio exterior (29.12.2000).