coreano -na
(< topónimo Corea)
-
-
adx
Relativo ou pertencente a Corea, aos seus habitantes ou á súa lingua.
-
s
Natural ou habitante de Corea.
-
adx
-
[ETN]
-
adx
Relativo ou pertencente ao pobo coreano.
-
s
Individuo do pobo coreano.
-
s
m pl
Pobo que habita principalmente na península de Corea e na illa de Cheju. Estendeuse durante a ocupación xaponesa (1910-1945) por China (Manchuria), Xapón e Siberia. Orixinarios das migracións dos pobos nómades tungús, estiveron sometidos a influencias chinesas dende finais do s II a C e consolidáronse como grupo nacional a partir do s IV. A súa relixión tradicional é o chamanismo, que perdura nos costumes rurais; no s IV introduciuse o budismo e no s XIV o neoconfucianismo.
-
adx
-
s
m
[LING]
Lingua falada na península de Corea e na illa de Cheju, en China e en Xapón. Do coreano antigo, escrito con caracteres chineses, consérvanse textos dalgunhas cancións (57 a C-935 d C). A lingua moderna, promovida desde o terceiro decenio do s XX, baséase na fala de Seúl e escríbese con alfabeto coreano -coñecido como hangul ou onmun-, introducido na metade do s XV (1446), que substituíu o alfabeto chinés. Na República de Corea seguen a empregar os dous alfabetos e ademais contan cun alfabeto mixto que utiliza os signos chineses para as palabras desa procedencia. O coreano consta de sete vocais fundamentais e de vinte e cinco consoantes. Ten numeración decimal e usa frecuentemente sufixos que serven para formar palabras nominais, a partir, sobre todo, de radicais variables. Unha característica da gramática coreana, igual ca a tibetana ou a xaponesa, é o seu sistema de desinencias honoríficas e marcas internas das palabras que indican as relacións sociais; a forma dunha palabra varía en función do falante, do oínte e da persoa sobre a que se fale. O verbo é impersoal e non ten noción do nome. A ordenación das palabras en coreano, e tamén en xaponés, amárico e tibetano, segue o esquema SUX-COMPL-PRED. O léxico coreano posúe moitas palabras de orixe onomatopeica e, sobre todo, cómpre destacar a influencia chinesa, especialmente na lingua culta, a causa da colonización chinesa (s II a C), da entrada do budismo (s IV) e do uso de caracteres chineses na escritura ata a metade do s XV. A clasificación lingüística aínda non está fixada, pero adoita relacionarse coas linguas altaicas; non está claro que as semellanzas que presenta o coreano coa familia altaica se poidan explicar mediante unha hipótese de orixe común ou mediante unha teoría baseada na influencia por contacto lingüístico.
-
arte coreana
[ARTE]
Arte desenvolvida en Corea. Dunha intensa influencia chinesa e interpretada cunha variable personalidade, transmitiuse a Xapón. A arte coreana estrutúrase cronoloxicamente en varios períodos: os de Lolang (s I a C-s IV d C), os Tres Reinos (37 a C- 668 d C), o Gran Reino de Silla Unificado (668-918), Koryo (918-1392) e Chosŏn, coa dinastía Yi, (1392-1910). Cun pasado prehistórico no que sobresaen pezas de bronce e diversos dolmens, Corea iniciou a súa produción artística de influencia chinesa co período dos Tres Reinos: Koguryo, Paekche e Silla, marcado pola introdución e o amplo desenvolvemento do budismo. No reino de Koguryo, ao N, destacaron as tumbas de Pyeongyang, con cámaras decoradas con pinturas murais de temática realista e simbólica, nun estilo que se achega ao chinés das Seis Dinastías. No reino de Paekche, ao SO, consérvanse as tumbas decoradas con murais de Kyŏngju e Puye, e as pagodes de pedra de Chongnimca. Algunhas construcións xaponesas realizadas por mestres coreanos permitiron estudar a tipoloxía da arquitectura coreana elaborada neste reino; de feito, as casas erixíanse sobre unha estrutura que as elevaba. A Tríade de Buda de Sôsan é un dos exemplos máis relevantes da escultura deste período. No reino de Silla, ao SL, consérvanse túmulos funerarios con ricos tesouros formados por coroas, copas e armas, entre outras pezas. Destaca tamén a pagode de Punhwangsa e o observatorio astronómico de Ch’omsong. No eido da escultura adoptáronse os modelos chineses de representación de Buda que no s VII acadaron un maior naturalismo. O período de Silla foi a época de florecemento do budismo. No ámbito da arquitectura destacan o templo budista de Pulguksa e o santuario rupestre de Saykkulam, ambos situados a carón de Kyŏngju, con decoración pitórica e escultórica do estilo T’ang chinés. Adoptouse a iconografía de Buda tomada da India, sedente e facendo o xesto da mudrā. Do período de Koyro cómpre sa-lientar a pagode do mosteiro de Pusok-sa, as súas cerámicas e porcelanas, e as representacións de Buda. Durante a época da dinastía Chosŏn tivo lugar a penetración do confucianismo, polo que se abandonou a construción de pagodes. Erixíronse enormes palacios en Seúl, como os de Kyonbok, Dulsoo e Changdok, aínda que o aspecto máis importante foi a produción pictórica de temática diversa, con flores, animais, paisaxes ou retratos cortesáns, realizada nun estilo nacido da perpetua loita dos coreanos para liberarse da influencia chinesa. Dende a caída da derradeira dinastía, a Yi, a tradición artística coreana abandonouse e despois da Segunda Guerra Mundial produciuse unha arte de carácter internacional na que cómpre destacar a construción do estadio olímpico de Seúl, de Kim Su-gun, e a obra dos pintores Kim Whan-ki e Lee U-fan.
-
literatura coreana
[LIT]
Os seus inicios están estreitamente ligados á literatura chinesa. Escrita en chinés clásico, acadou un grao moi elevado de perfección estilística e deu poetas relevantes como Kim-Byung-Yun (1807-1863). Sufocada en gran parte por esta tradición, a literatura en lingua coreana quedou reducida á obra popular, transmitida oralmente a través das cancións. Unha compilación importante é o Sam-Täï-Mok (888). Entre os ss I e X, formouse un fondo folclórico, centrado principalmente na necesidade de protección divina, dende o que se destaca o canto de Chuyong. Coa entrada do confucianismo (1342), que substituíu o budismo, o proceso de asimilación a China intensificouse. Traducíronse os clásicos chineses ao coreano e apareceu a tradición poética de carácter profano na que destacou Tsung-Tchul, chamado tamén Song-Kang. En prosa destaca a obra Ym-Djin-Nok (Anais de Ym-Djin). Coa apertura das culturas occidentais nos ss XIX e XX, introducíronse en Corea as correntes da literatura mundial e iniciouse un desenvolvemento considerable que significou a imposición da literatura e dos temas coreanos sobre a influencia chinesa.