corenta
(
-
Revista fotográfica editada pola Sociedade Fotográfica da Coruña, que apareceu nesa cidade en novembro de 1985, subtitulada “Fotografía galega”. O consello de redacción estaba composto por Xosé Abad, César Dopico e Santiago Mato. Entre os colaboradores figuran, entre outros, Alfonso Vázquez, Vari Caramés, Manuel Sendón, Xulio Correa Corredoira, X. L. Suárez Canal, Lucas Trigador, Vítor Vaqueiro e Lois Barros. Contou coa colaboración de diversas institucións, como a consellería de Cultura, a deputación da Coruña, os concellos da Coruña, Ferrol e Lugo, e as empresas Kodak e Copicolor, entre outras. A súa periodicidade era irregular; saíron dous ou tres números ao ano, aínda que tamén publicou algún número monográfico, como o que se editou en 1986 co título “Evolución da linguaxe da pintura ao vídeo”, firmado por Víctor Steinberg. Á marxe das numerosas fotografías, incluíu artigos e comentarios sobre as mesmas ou como referencias a autores.
-
cuant
Número cardinal que equivale a trinta e nove mais un. Na tradición oral recóllense ditos como: “Ata os corenta, ben paso; despois dos corenta, ai, meu brazo!, ai, miña perna!”.
-
adx
Que ocupa o lugar número corenta nunha serie. OBS: Nesta acepción adquire valor de ordinal e, polo tanto, equivale a cuadraxésimo.
-
s
m
Representación gráfica dese número. OBS: Na numeración arábiga represéntase por 40 e na romana por XL.
-
f pl
[XOGO]
Corenta puntos que gaña o xogador que reúne o rei e o cabalo (ou sota) do pau de trunfos no xogo do tute. OBS: Sempre se utiliza precedido do artigo as e, frecuentemente, cos verbos cantar ou facer.
Ex: Cantou as corenta en bastos e gañou a partida.
-
corenta horas
[RELIX]
Adoración do Santísimo Sacramento durante corenta horas (distribuídas en tres días) en lembranza das horas pasadas por Xesús dentro do sepulcro. A súa práctica difundiuna Clemente XII a toda a Igrexa Católica (1731).
Frases feitas
-
Cantarlle/Acusarlle as corenta a alguén. Dicirlle a alguén claramente e sen reparos o que se pensa. Ex: Por chegar tan tarde á casa, súa nai cantoulle as corenta.